Partido Popular de Lugo

O PP repartirá un boletín informativo para denunciar “o bloqueo da Deputación” á posta en marcha da residencia

Guitiriz, 6 de xullo de 2014.- O Partido Popular de Guitiriz repartirá un boletín informativo no que denunciará “o bloqueo” da Deputación de Lugo á posta en marcha da residencia para persoais maiores de Guitiriz. Os populares queren que os veciños coñezan de primeira man os pasos dados polo Goberno local e que desde o Concello non renunciarán á creación deste centro de benestar, a pesar de que Jose Ramón Gómez Besteiro e Regina Polín non queiran cumprir os compromisos adquiridos pola administración provincial e chegasen incluso a votar en contra desta petición, no último pleno.

O boletín informativo dá conta das deficiencias urbanísticas, asistenciais e administrativas que os técnicos municipais detectaron no proxecto elaborado pola Deputación e que desde o Partido Popular sospeitan puideran ser manobras dilatorias e intencionadas para non executar esta obra. Os populares lembran que a pesar das reiteradas peticións para que corrixiran o proxecto, Besteiro  Regina Polín gardan silencio e non responden a ningún dos requirimentos.

ALTERNATIVAS

Os populares tamén explican as dúas alternativas que o Concello puxo sobre a mesa para superar esta situación de bloqueo: Por unha banda, a actuación na Casa da Botica, para facer a obra viable desde o punto de vista asistencial (incluiría o Centro de Día prometido) respectuosa coa legalidade urbanística e, incluso, economicamente máis rendible. Tamén explican a alternativa que suporía empregar os terreos da parroquia de Parga para construír alí como obra nova unha residencia,  nun entorno máis cómodo, tranquilo e accesible.

O boletín pon de relevo o contraste entre a actitude colaboradora do Concello, que puxo sobre a mesa distintas alternativas, e a negativa da Deputación a dar ningún tipo de resposta ou, incluso, da moi censurable actitude do presidente provincial, Jose Ramón Gómez Besteiro, negándose a recibir ao alcalde.

Os populares explican finalmente que o boletín pretende ser unha ferramenta para dar conta das xestións realizadas e estar máis preto dos cidadáns informándolles dun proxecto que entenden clave para o futuro do municipio ao que de ningún modo renunciarán.