Partido Popular de Lugo

Lamela acusa a PSOE e UDIVAL de, a 12 meses do remate da lexislatura, non ter executado o 99% do seu pacto de goberno

O Valadouro, 6 de xuño de 2014.- O Presidente e portavoz do Partido Popular do Valadouro, Jose Manuel Lamela dixo hoxe que a pesar de ter transcorrido máis do 60% da lexislatura e quedar apenas 12 meses para que se celebren novas eleccións municipais, PSOE e Udival non fixeron nada do comprometido no seu pacto de goberno.

Os populares acusan a socialistas e independentes de incumprir o 99% dos compromisos que eles mesmos adquiriron cos veciños do concello e atribúen este desinterese e falta de iniciativa na xestión dos asuntos municipais ás continuas friccións, desconfianzas e liortas internas que protagonzan ambos partidos.

NIN PLANTA DE BIOMASA, NIN CENTRO DE DÍA, NIN APOIOS EN MATERIA DE EMPREGO, SERVIZOS SANITARIOS E A ESCOLARES

Lamela explicou que, ata o momento, PSOE e Udival non foron quen de executar a planta de biomasa (á que puxeron prazos, dentro dos 12 primeiros meses inmediatos á toma de posesión do novo alcalde e cuxo proxecto tería que presentarse ante o Pleno do Concello), nin asinaron os convenios coas empresas locais para subvencionar os contratados de formación para menores de 35 anos.

Socialistas e independentes tampouco crearon o Centro de Día ao que se comprometeron, nin subvencionaron un servizo de transporte en autobus para acudir ao Hospital ou aos centros de ensino secundario de Burela, nin ofrecen un servizo sanitario de enfermaría durante o fin de semana, nin fixeron xestión algunha para impulsar o polígono industrial.

CHEQUE EN BRANCO DO BNG E NOVOS INCUMPRIMENTOS

O portavoz popular indicou que esta relación de incumprimentos debeulles parecer pequena ao Equipo de Goberno, que tampouco executaron os compromisos que tiñan asinados co BNG, formación política que apoia con seu voto a falta de xestión municipal e que ofreceu, en consecuencia, un cheque en branco sen requirir unha mínima xestión a cambio.

Así por exemplo non se teñen executado as subvencións “municipais” a mozos emprendedores artesás, nin creado espazos forestais cooperativos para unha xestión máis racional do monte, nin creado a figura do dinamizador social nas parroquias, nin fomentado xuntanzas para a unificación do Val, todo elo, propostas realizadas pola formación nacionalista.

ESCURANTISMO E FALTA DE TRANSPARENCIA

Ata o de agora o único punto que cumpriron é o relativo á creación da Escola de Agricultura Ecolóxica no Valadouro aínda que, nin tan sequera neste proxecto, deron garantías da validez e homologación da formación que adquirirán os futuros alumnos.

Lamela indica que, como PSOE e Udival basean as súas relacións no escurantismo e falta de transparencia, quizá teñen decidido mudar as bases programáticas que no seu día serviron de compromiso para facerse coa Alcaldía a pesar de ter perdido as eleccións municipais pero, neste caso, deberan dar longas explicacións polas razóns que lles levaron a non cumprir, nin executar, nada do que comprometeron.