Partido Popular de Lugo

O GPP denuncia que en dous meses non se lle facilitase acceso ás certificacións das obras da futura sede da UNED

Lugo, 04 de xuño de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular denuncia que en dous meses e medio o equipo de goberno da Deputación Provincial non lle facilitase acceso ás certificacións das obras da futura sede na UNED.

Os populares pediron por escrito o 15 de marzo de 2014 acceso ás certificacións e facturas aboadas relativas á obra de acondicionamento do edificio para sede do centro asociado da UNED, en Lugo.

Este rexistro respondía a unha pretensión do Grupo Provincial do Partido Popular de solicitar por escrito a documentación dos proxectos nos que tivesen dúbidas nas súas execucións.

Porén, os populares denuncian os inconvenientes cos que se atopan á hora de ter acceso á documentación e poder cumprir así coas súas labores de control e fiscalización do goberno.

A día de hoxe o GPP non tivo acceso a ningunha das certificacións relativas á obra da UNED, porén a través dun decreto de Presidencia os populares puideron apreciar o recoñecemento e ordenación de pagos de dúas certificacións da obra de acondicionamento do edificio para centro asociado da UNED de Lugo, por importes de 92.343,86 euros e 125.661,46 euros.

O PP continúa co seu traballo de control

Deste xeito, os populares anuncian que continuarán co seu traballo de control desta obra, polo que a través dun novo escrito reiteraron esta mañá a petición de acceso ao expediente completo, incluídas todas as certificacións e facturas pagadas, relativas á obra de acondicionamento do edificio para sede do centro asociado da UNED.

Así, os populares lembran que a redacción, proxecto e obra de acondicionamento do edificio para sede do centro asociado da UNED se aprobou en Xunta de Goberno de sete de outubro de 2011.

Dous anos despois, o equipo de goberno da Deputación Provincial de Lugo, en Xunta de Goberno de 27 de decembro de 2013, aprobou a modificación do convenio para a cesión do uso do edificio nº1 do complexo do Miño con destino á sede do centro asociado da UNED.

Este cambio prodúcese ao estimarse necesaria unha ampliación económica ata completar o custo total da execución das obras. Deste xeito, na mesma Xunta de Goberno apróbase o proxecto completo por un importe que supera os 2,02 millóns de euros (IVE incluído).