Santiago, 5 de xuño de 2014.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, salientou hoxe que trece concellos da provincia de Lugo verán incrementadas nun 30% as contías que poden recibir con cargo ás axudas da Xunta para compensar os danos causados polos lobos.
PLAN DE XESTIÓN DO LOBO
A devandita novidade, incluída na convocatoria do presente ano, é consecuencia de que estes concellos lucenses (O Valadouro, Alfoz, Ourol, Abadín, Baralla, Friol, Guitiriz, Muras, O Corgo, O Incio, O Páramo, Samos e Triacastela) forman parte do Plan de xestión do lobo en Galicia.
O Goberno galego outorga un trato preferente a estes concellos e os seus veciños, co incremento da contía das axudas, por entender que se tratan de zonas nas que se prevén máis danos debido á alta densidade de lobos e á abundancia de gando.
AXUDAS PARA TODOS OS CONCELLOS DA PROVINCIA
Con todo, Balseiro aclara que non só estes trece concellos senón todos os concellos da provincia de Lugo poderán optar a estas axudas. Para iso deben ser solicitadas polos propietarios de gando ovino, porcino, vacún e equino que se vexan afectados por estes ataques, entre os que tamén entrarían danos provocados ao asno e á mula.
A Xunta destina na presente anualidade un orzamento de 106.035 euros para paliar as perdas no gando causadas por este animal. O importe das axudas que corresponden ao suposto de morte establécese segundo un baremo en canto á especie, clase e idade, mentres que, no caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios.
Cómpre sinalar tamén que, segundo datos oficiais ofrecidos pola Xunta, a provincia de Lugo recibiu o 44% das axudas por danos de lobos na anterior convocatoria.
Balseiro sinalou que a presente convocatoria de axudas comprende os danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro de 2012 ata o 30 de setembro de 2014. Salienta tamén o deputado do Grupo Popular que o importe e condicións destas axudas foi acordado no seu día coas organizacións profesionais agrarias.