Partido Popular de Lugo

O PP invita a reflexionar á Deputación sobre a súa “absoluta” inacción na loita contra os incendios no lugar de formular “curiosas iniciativas onde as actuacións son un feito”

Lugo, 27 de maio de 2014.- A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, invitou esta mañá ao goberno provincial a reflexionar sobre a súa “absoluta” inacción en materias onde tanto debe aportar en seguridade dos lucenses e dos seus bens, como é na loita contra os incendios, no lugar de formular “curiosas iniciativas en ámbitos onde as planificacións e as actuacións son un feito”.

Os populares fixeron estas declaracións durante o debate da moción presentada polos socialistas e nacionalistas na que esixían á Xunta de Galicia que asumira as súas responsabilidades na loita contra os incendios.  Neste senso, a través de datos os populares defenderon a xestión contra a proliferación de incendios que promove a Xunta; a maiores de a través dunha enmenda reclamarlle a Deputación de Lugo maior colaboración.

Neste senso, os populares reproban que o PSOE e o BNG durante a sesión plenaria se negasen a colaborar cos concellos na elaboración dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, achegando unha partida orzamentaria suficiente para tal fin.  A maiores os populares critican que a Deputación, ao igual que fixeron outras administracións provinciais, se negase a poñer todos os medios mecánicos e humanos dispoñibles ao servizo do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).

Tardanza nos desbroces

Os populares tamén pediron na súa enmenda, que reixeitou o PSOE e o BNG, que a Deputación se comprometese a desenvolver tarefas de prevención axeitadas, nomeadamente o desbroce e limpeza das beiras das estradas de titularidade provincial, antes da chegada da tempada de alto risco. “É coñecido por todos que nos últimos anos tardaron en facer desbroces nas vías provinciais”, matizou Candia.

O traballo da Xunta

A actitude da Deputación contraponse ao traballo posto de manifesto pola Xunta de Galicia. Así, os populares basearon a súa intervención en datos. De comparar as lexislaturas 2005 e 2009 (co bipartito no goberno) e a 2009 e 2012 por outro lado: a superficie forestal queimada reduciuse nun 52%; a superficie forestal arborada queimada reduciuse por riba do 75% e o número total de lumes reduciuse nun 20,6%.

Así, os feitos, segundo puxeron de manifesto os populares, demostran quen son os que apoian a prevención. Neste senso, dende o GPP lembran que  Age e BNG apoiaron unha enmenda do PSOE que recortaba en 2 millóns de euros o programa de prevención e extinción de incendios. De igual maneira,  co bipartito desapareceron as subvencións para cuadrillas de prevención e extinción de incendios forestais a comunidades de montes veciñais en man común; mentres a Xunta de Galicia está a apostar por mellorar o financiamento e planificación das políticas de prevencións: 96 millóns de euros para desenvolver accións preventivas e infraestruturas forestais; 97 millóns investidos  entre 2009 e 2012 en tratamentos silvícolas de carácter preventivos; entre outros datos…

“Do que non se lembran son de reducións promovidas polo anterior Goberno do Estado co supresión de case 5 millóns de euros en fondos para reforestacións e accións preventivas ou en 2006, cando había cartos, fixeron unha rebaixa dun 34% no operativo”, concluíu Candia.