Lugo, 27 de maio de 2014.- A voceira do PP na Deputación de Lugo reprobou hoxe o atrevemento do vicepresidente, Antón Veiga, quen mentres defendía unha proposta na que lle solicitaba á Xunta de Galicia unha redución nos atrasos do pago do Risga, asegurou que “seguiría a ser insubmiso e non cumpriría a normativa en servizos sociais”.
Candia explicou que os datos demostran quen aposta realmente polas políticas sociais. A crise económica prolongada tanto tempo está a ter unhas consecuencias dolorosas, matizou a popular, como son o incremento do número de persoas en risco de exclusión. Ante esta situación o que fixo o Goberno galego, puntualizou a popular, “foi incrementar o orzamento destinado á inclusión”.
Deste xeito a voceira deu datos concretos e exemplificou que no ano 2014, a Xunta de Galicia incrementou en preto dun 22% o orzamento para a inclusión respecto ao 2013; e a maiores vén de aprobar unha ampliación de crédito de 2,6 millóns de euros, superando, polo tanto, en total os 42 millóns destinados á Renda de Inclusión Social.
Neste contexto e ante a negativa do equipo de goberno de incluír un punto a maiores na proposta dacordo no que se comprometían a poñer todos os medios provinciais a disposición do cumprimento da normativa de servizos sociais; a voceira dos populares asegurou que “é moi fácil utilizar a situación das persoas en risco de exclusión para facer oposición, pero tamén é eticamente cuestionable”.
En canto ao incumprimento dos prazos no pago da Risga aos que referían socialistas e nacionalistas na súa proposta; Candia asegurou que estes afirmacións nos tempos de tramitación son “totalmente falsas”. A voceira explicou que nesta tramitación interveñen varias administracións, polo tanto a xestión dos expediente están condicionadas por todas elas. Ante esta situación, o Goberno galego “está a axilizar o máximo posible os tempos de resposta, porque é consciente do que esta renda supón para as persoas; ata o punto de que o persoal da Xunta destinado a tramitar a Risga reforzouse o pasado ano”.
Porén, “mentres vostedes falan dun retraso, nos falamos de incumprimentos”, tanto é así que no ano 2014, segundo os datos que manexamos, deixarán ao descuberto o 83% do servizo”. “Non é que a cumpran tarde ou mal, e que non a cumpren”, concluíu Candia.