Lugo, 27 de maio de 2014.- O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, xunto aos deputados do PSOE e do BNG, votaron esta mañá en contra de que Guitiriz teña unha residencia da terceira idade, pese a ter comprometido un investimento de 1,2 millóns de euros.
Os populares lembran que o GPP presentou unha moción, que foi hoxe a debate, e na que pedían que a Deputación cumprise co convenio asinado co Concello de Guitiriz con data de 3 de maio de 2011, dirixido a colaborar na construción e xestión dun centro de atención da terceira idade na Casa da Botica.
“Vimos con alternativas, actitude colaboradora, xa que o concello de Guitiriz non vai renunciar a este investimento”, matizou a voceira do GPP Elena Candia, porén “atopámonos co voto en contra a unha iniciativa que pide que se cumpra co convenio asinado”. “Deixen de terxiversar e enganar á xente. Modifiquen o convenio ou atendan a alternativa do equipo de goberno, ou cando menos reciban ao alcalde”; reiterou Candia.
Antecedentes
A voceira do PP na Deputación de Lugo explicou durante a súa intervención no pleno que a administración provincial presentou un proxecto para a construción da residencia na Casa da Botica que nin se adapta ás normas subsidiarias do 2008, nin cumpre retranqueos, nin volumes de edificabilidade, nin a normativa do PXOM que está en tramitación. A maiores, o proxecto non inclúe o centro de día comprometido e vai dirixido só a persoas dependentes cun custo por usuario de 1.200 euros, o que deixa fóra a unha gran maioría dos veciños.
O Concello, cunha actitude clara e colaboradora que contrasta co comportamento da Deputación, enviou unha proposta técnica detallada coa corrección de erros que deberá incluír o proxecto da Casa da Botica. A maiores, o Concello presentou outra proposta técnica alternativa para a construción dun novo edificio que albergue a futura residencia nos terreos da parroquia de Parga.
“Fronte a estas iniciativas que amosan a boa fe e o interese por desbloquear a situación; o Concello atopouse sempre co silencio e coa ausencia de resposta por parte da Deputación, que nin tan sequera reciben ao alcalde”, matizou a popular.
Polo tanto, “hai un convenio que a Deputación ten que cumprir, para o que o Concello ofrece traballo e facilidades mentres se atopa coa inacción da Deputación”.