Partido Popular de Lugo

A asistencia sanitaria está sempre garantida ao 100% en todos os momentos do ano

Lugo, 27 de maio de 2014.- O vicevoceiro do PP na Deputación de Lugo, Fernando Pensado, asegurou esta mañá que a asistencia sanitaria en Galicia sempre está garantida ao 100% en todos os momentos do ano e se por motivos sobrevidos fose necesaria a posta inmediata de máis camas “o PP sería o primeiro en pedir á Xunta de Galicia que se fixera”.

O popular tachou a moción presentada polo PSOE e o BNG na Deputación de Lugo sobre o incremento do número de camas operativas para os meses estivais de “un novo exemplo de utilización demagóxica por parte de nacionalistas e socialistas de áreas tan sensibles como é a sanitaria”.

O 86% das camas estarán operativas durante este verán en Galicia e as restantes “están aí dispoñibles para a súa posta en funcionamento inmediata no caso de ser necesarias”, manténdose, a maiores, “o nivel de operatividade sen cambios significativos na liña dos últimos anos”.

Pensado explicou que o peche de camas é unha situación habitual que se está a dar todos os verán e que sucede en todas as comunidades autónomas incluídas, por exemplo, Andalucía, co PSOE no goberno. Así, o popular analizou que co bipartito na Xunta pechábanse unha cifra de camas que oscilaba entre as 800 e as 1.000 camas, “sen que estivese o Hula funcionando”.

O que é medible non é interpretable

A maiores, o recurso cama, matizou Pensado, non é o que determina o grao de eficiencia do sistema. “Nos últimos anos incrementouse a actividade en áreas como os hospitais de día, a hospitalización a domicilio ou a Cirurxía Ambulatoria, prestacións enormemente valoradas polos cidadáns e que permiten atender aos pacientes sen precisar o recurso cama”.

“Estase a baixar a estadía media de xeito importante, temos o maior número de cirurxía ambulatoria da serie histórica que non precisa de hospitalización;  cae a media para operarse en todos os hospitais de Lugo…”. Polo tanto, Pensado conclúe ao asegurar que “o que é medible, non é interpretable”.