Partido Popular de Lugo

O PP di que a suba láctea deixou preto de 24 millóns de euros de beneficio na Ulloa, Chantada e Lemos

Monforte 23 de maio de 2014.- O voceiro do PP no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro e a voceira de medio rural do grupo parlamentario popular, Isabel García Pacín, explicaron esta mañá en Monforte que a suba do prezo do leite en 2013 permitiu ás explotacións das comarcas de A Ulloa, Chantada e Lemos ingresar preto de 24 millóns de euros, concretamente, 23,9 millóns.

Nunha rolda de prensa, acompañados polo secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, o Senador, Dámaso López e a presidenta do PP local, Julia Rodríguez, os populares tomaron como referencia os prezos de xullo do 2012, de 28.42 céntimos de euro e a media de decembro do 2013 de 39.20 céntimos, o que supón un  incremento substancial de 10.78 céntimos e precisaron que as 1.224 granxas destas tres comarcas, A Ulloa (240), Chantada (704) e Terra de Lemos (280), que supoñen máis do 20% total da provincia, incrementaron os seus beneficios en 5.6, 13.4 e 4.9 millóns de euros respectivamente, o que supón unha suba do 38%.

Barreiro e García Pacín fixeron fincapé no concello de Chantada, que con 331 explotacións e con 56.8M de kg.de cuota ocupa o cuarto posto no ránking por número de explotacións e o sétimo por concellos con máis cuota no total galego e salientaron que na Terra de Lemos, o concello de O Saviñao, con 136 explotacións e 24.4M de kg representa o 53.19% de toda a comarca.

Afirmaron os populares que os datos confirman que se aprecia unha evolución positiva en incremento de produción, número de efectivos e superficie nas explotacións galegas, que as fai competitivas e eficientes, de cara ao novo escenario sen cuotas, en marzo do 2015.

POLÍTICA AGRARIA COMÚN

No referente ás axudas da PAC, os populares afirmaron que no novo período o sector lácteo sairá reforzado dentro das producións acopladas, pasando das axudas actuais de 57M de € no período que remata agora, aos 93,6M de €, incrementándose un 63% e insistiron en que Galicia percibe arredor do 50% destas axudas.

PREVISIÓNS TRAS A DESAPARICIÓN DAS CUOTAS LÁCTEAS

En perspectiva cara o futuro, os populares defenderon que ante a desaparición das cuotas lácteas a produción está obrigada a reforzarse na negociación de prezos, coas ferramentas normativas á súa disposición.

Neste senso, salientaron os apoios que suporán para os profesionais gandeiros novas normas impulsadas polo Partido Popular como a Lei 12/2013, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, e o paquete lácteo, establecido mediante R.D. 1363/2012, que regula os contratos, as organizacións de produtores e as interprofesionais.

“Espérase a estabilidade nos prezos de orixe durante os próximos dous anos, pero fronte á liberalización dos mercados no 2015, aínda que aparece a oportunidade de expansión da produción, será necesario reforzar ao sector produtivo na negociación, ben a través de unións de base cooperativa como sindical. Deben facerse fortes para negociar mellores prezos para o seu produto”-aconsellaron.

A IMPORTANCIA DO SECTOR LÁCTEO

Os populares insistiron en que o sector lácteo é fundamental e pioneiro para o PP e proba do seu compromiso con este sector é a xuntanza de onte do presidente da Xunta coa nova Ministra de Medio de Agricultura.

“Foi o primeiro presidente autonómico que se reuniu coa nova titular de Agricultura a prol dos beneficios dos gandeiros, quen se comprometeu a regular melloras para o sector lácteo”- concluíron.