Partido Popular de Lugo

O PP manifesta o seu apoio aos agricultores e gandeiros e comprométese a seguir traballando a favor dunha Política Agrícola Común positiva

Portomarín 21 de maio de 2014.- Portomarín foi hoxe a localidade elixida polos populares para continuar cos seus actos de campaña. Ás 22:00 horas e na casa da cultura, o voceiro do PP no Senado e presidente provincial, José Manuel Barreiro, o secretario xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro e o rexedor, Juan Serrano, interviñeron nun mitin no que instaron aos asistentes a acudir ás urnas o vindeiro domingo día 25.

Ámbolos tres fixeron un percorrido polas numerosas accións levadas a cabo polos gobernos do PP e insistiron en que, a diferenza dos socialistas, quenes son coñecidos por despilfarrar e levar a España á ruína, os populares pasarán a historia por tomar as medidas axeitadas e arranxar o “desaguisado” que herdaron.

Ao atoparse nun concello cun gran potencial agrogandeiro, os populares centraron parte do seu discurso na Política Agraria Común, unha reforma que calificaron de moi positiva para sectores clave.

Salientaron que Galicia mantén o nivel de fondos europeos da PAC que viña percibindo no período 2007-2013: tanto no caso das axudas directas ás explotacións agrícolas e gandeiras, como nas axudas correspondentes ao desenvolvemento rural, o que suporá para o medio rural galego unha inxección anual de 340 millóns de euros e unha inxección total de 2.380 millóns nos vindeiros sete anos.

Neste senso manifestaron que a comunidade galega ve satisfeitas as súas expectativas na negociación das axudas da PAC e argumentaron que “mantemos a nosa posición de reparto; blindamos o importe percibido no período anterior cunha lixeira alza; empézase a ligar a percepción das axudas directas a aqueles agricultores que realmente viven da agricultura; e priorízanse aos sectores gandeiros, e dentro deles ao sector lácteo”.

Lembraron os populares que no novo período, o sector lácteo sairá reforzado dentro das produción acopladas, pasando as axudas actuais dos 57 millóns de euros aos 93,6 millóns de euros, incrementándose así, nun 63%.

Aseveraron que o sector agroalimentario, malia as dificultades que atravesou os últimos anos, atópase nun momento de auxe, reforzando a súa vocacións exportadora e demostrando que ten capacidade para medrar e consolidarse coma un sector económico fundamental para o noso país.

“Para superar a negativa situación de partida que atopamos ao chegar ao Goberno foi preciso un cambio completo de rumbo, unha defensa seria e eficaz dos nosos intereses e un liderazgo claro nas negociacións comunitarias”- manifestaron.

Concluíron os populares recalcando en que seguirán traballando a favor dunha Política Agrícola Común positiva para os agricultores e gandeiros e sinalaron na necesidade de prestar atención á nova realidade que xorde no sector lácteo a partir de 2015, así como á defensa dos viños de calidade do país e á promoción de novos estímulos para a comercialización exterior.