Partido Popular de Lugo

O GPP presenta unha moción para desbloquear o proxecto da residencia de Guitiriz ante os incumprimentos da Deputación

Vilalba 21 de maio de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular instará no próximo pleno á Deputación de Lugo, gobernada polo bipartito PSOE-BNG, a que desbloquee o proxecto da residencia de Guitiriz, tras os incumprimentos do equipo que lidera o socialista José Ramón Gómez Besteiro.

A moción que os populares levarán ao próximo pleno foi presentada esta mañá en rolda de prensa en Guitiriz, pola voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia e polo deputado provincial, Tomás Rodríguez, que estiveron acompañados do alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido, e de membros do equipo de goberno local.

Os populares cualificaron esta moción como “un paso máis” no intento de garantir que a Deputación Lugo cumpra co compromiso asinado no convenio de 3 de maio de 2011 entre as administracións local e provincial para a construcción e xestión dun centro de atención da terceira idade na Casa da Botica da localidade.

O PP sospeita que a Deputación incumprirá os compromisos

Dende o PP explican que a concatenación dos feitos dados “fannos sospeitar da pretensión da Deputación Provincial de Lugo de incumprir cos compromisos adquiridos sobre a execución da residencia e o investimento que se comprometeu por escrito, e que é de 1,2 millóns de euros”.

O proxecto técnico e de execución do edificio para a residencia de persoas da terceira idade entregado pola Deputación ao Concello na Comisión de Seguemento de 3 de decembro de 2012, presenta unha serie de deficiencias, que o Concello puxo en coñecemento da administración provincial para que fosen correxidas con urxencia.

Deste xeito, o municipio remitiu á Deputación unha corrección de erros que inclúe unha proposta técnica detallada cos criterios socio-asistenciais, técnico-administrativos e económico-financeiros, que deberá incluír o proxecto da Casa da Botica.

A maiores, o Concello presentou unha proposta técnica alternativa para a construcción dun novo edificio que albergue a futura residencia nos condicionantes urbanísticos e coas futuras prazas moito máis accesibles.

A Deputación mantén paralizado o proxecto

Os populares reincidiron en que a realidade “é que tres anos despois da sinatura do convenio, o Goberno provincial mantén paralizado o convenio, así como os compromisos construtivos, económicos e sociais, nel adquiridos ao negarse a corrixir, -nin tan sequera responde á solicitude-, as deficiencias detectadas no proxecto.

E por isto e tendo en conta que para o PP é prioritario contar con esta residencia e non perder o investimento comprometido pola Deputación que “presentamos esta moción, para o debate no pleno que se celebará o próximo martes, co obxecto de desbloquear o proxecto da residencia ante os incumprimentos da Deputación”, reiteraron.

Peticións dos populares

En primeiro lugar, na moción os populares piden á Deputación que cumpra co convenio asinado co Concello de Guitiriz con data 3 de maio de 2011, dirixido a colaborar na construcción e xestión dun centro de atención da terceira idade na Casa da Botica; e que a día de hoxe non é unha realidade.

En segundo lugar, a iniciativa do GPP insta á Deputación a que corrixa as deficiencias que presenta o proxecto construtivo da Casa da Botica e, en especial, desenvolva cantas accións sexan precisas para que cumpra coa legalidade urbanística, sexa accesible e incorpore un centro de día.

E, en último lugar, e con carácter alternativo no caso de non levarense a cabo as correccións do proxecto construtivo da Casa da Botica; os populares pídenlle á Deputación de Lugo que valore e execute o proxecto presentado polo Concello de Guitiriz para construír a residencia nun novo emprazamento, en terreos da parroquia de Parga, que ademais de ser máis barata, contaría con centro de día.