Partido Popular de Lugo

Máis de 1000 representantes do sector agrogandeiro, forestal e pesqueiro participan nun acto con Arias Cañete

Castro de Rei 20 de maio de 2014.- Castro de Rei convertiuse esta tarde no centro da agricultura, gandeiría e pesca. Máis de 1000 representantes do sector agrogandeiro, forestal e pesqueiro reuníronse esta tarde nunha carpa en Val dos Sonos para participar e escoitar de preto a un dos grandes expertos nestas materias.

O ex ministro de Medio Ambiente, Rural e Mariño e agora cabeza de lista do PP ás eleccións europeas non se esqueceu da provincia de Lugo para facer campaña e a cinco días dos comicios viaxou ao concello de Castro de Rei para participar nun encontro-mitin.

Ao acto asistiron, entre outros representantes políticos da provincia, a Conselleira do Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, o candidato galego ás eleccións, Francisco Millán, o voceiro do PP no Senado e presidente provincial, José Manuel Barreiro, o secretario xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro e o rexedor de Castro de Rei, Francisco Balado, quenes resaltaron a figura de Miguel Arias Cañete e cualificaron de “mellor persoa para representar a España en Europa”.

Foi o voceiro do PP no Senado e presidente provincial, José Manuel Barreiro quen puxo de manifesto a solvencia de Miguel Arias Cañete, fronte a unha candidata do PSOE que “nin coñece nin defende os intereses de España na U.E” e afirmou que o candidato popular é quen mellor defende os intereses dos españois en Europa e ten claramente acreditada a súa solvencia nas institucións da Unión Europea.

Por outra banda, Barreiro destacou a negociación da reforma da Política Agraria Común (PAC) que desenvolveu Miguel Arias Cañete e asegurou que foi a persoa que mellor defendeu os intereses dos agricultores e gandeiros españois no nicho das institucións europeas.

“A recente reforma da PAC supuxo que o noso país reciba 47.000 millóns de euros do orzamento comunitario para o período 2014-2020, o que dará un marco de estabilidade ao campo español”- salientou.

O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, mostrou a súa satisfacción polo feito de que Arias Cañete elixise o seu concello para desenvolver o acto e ademais de eloxiar o papel do ex ministro, lembroulle aos asistentes (gandeiros, agricultores e pescadores) que os grandes beneficios que están acadando son froito do traballo e das negociacións do candidato popular ás eleccións europeas.