Martes, 20 de maio de 2014.- O presidente do Partido Popular de Galicia e xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, visitará Monforte o vindeiro venres para ofrecer un mitin. O acto central dos populares na cidade do Cabe foi suspendido o pasado luns 12 de maio en sinal de doo tras coñecerse o falecemento da presidenta da Deputación de León e presidenta do PP, Isabel Carrasco.
O Grupo Municipal do PP de Monforte agradece o xesto do presidente da Xunta con Monforte, malia a contar cunha axenda practicamente pechada dende o principio da campaña electoral.
Alberto Núñez Feijóo pronunciará un mitin ás 18:00 horas no Restaurante Don Manuel, acto no que estará acompañado polo voceiro do PP no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, así como pola presidenta do PP local, Julia Rodríguez, entre outros.
Julia Rodríguez invita a tódolos militantes e simpatizantes do Partido Popular, así como a toda a cidadanía, a participar no mitin para coñecer a importancia de acudir a votar nas eleccións europeas do vindeiro 25 de maio.