Vilalba 16 de maio de 2014.- O presidente dos populares lucenses e voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, aproveitou o mitin celebrado esta noite en Vilalba para resaltar a capacidade xestora e a traxectoria do candidato popular, Miguel Arias Cañete.
Nunha comarca na que o sector primario é unhas das principais fontes xeradoras de emprego; Barreiro lembrou que con Cañete “Galicia será a comunidade máis beneficiada polo incremento de fondos que recibirá España para o sector lácteo durante o período 2014-2020”.
En concreto, o voceiro dos populares no Senado indicou que España recibirá 94 millóns de euros procedentes da Unión Europea para o sector lácteo dos que o 50% virán para Galicia. Así, “podemos falar Dun incremento do 63% para o sector lácteo, pasando de 57 millóns de euros anuais a conseguir 94 millóns de euros ao ano”.
Deste xeito, Barreiro reiterou que o que se decida o próximo 25 de maio “importaralle moito ao medio rural, e as decisións que se toman na Unión Europea son claves para España, para Galicia e para Vilalba”.
Así, “Só o PP é capaz de garantir unha influencia no proceso de toma de decisións en Europa. Só a nosa candidatura é capaz de garantir que sexamos fortes en Europa”, recalcou Barreiro, quen explicou que o “PP ten a posibilidade de contar cunha ampla maioría que nos permita seguir defendendo os intereses de Galicia e participar no futuro Goberno comunitario”.
Con Arias Cañete, “demos a talla”
Centrado en datos do sector primario, o presidente dos populares lucenses remarcou tamén que “pese a redución global de orzamentos na U.E., Galicia mantén o nivel da PAC 2007-2013 e faino grazas a involucración máis que demostrada do goberno popular en Galicia e en España”.
Por iso, José Manuel Barreiro pediu o voto para o Partido Popular, “para que Galicia vexa satisfeitas as súas expectativas na U.E.”. O popular pediu a máxima participación nos vindeiros comicios, dado a importancia “para o futuro das decisións que se tomen con respecto á nosa comunidade autónoma”.