Partido Popular de Lugo

O PP pide que se pospoña a reunión pasado o 25M posto que ve na cita oportunismo político

Burela 15 de maio de 2014.- Logo de que a rexedora de Viveiro convocase aos rexedores dos concellos que forman o Partido Xudicial de Viveiro , mañá venres, a unha reunión, para falar da continuidade deste partido xudicial, o coordinador territorial de A Mariña e alcalde de Burela, José María González Barcia, comunicou, en nome de tódolos alcaldes do PP, que non asistirán a esta convocatoria posto que consideran que se trata de oportunismo político e piden que se pospoña para despois das eleccións europeas.

“Queremos que haxa unha reunión pero despois do 25 de maio”- manifestou González Barcia, quen manifestou que non ve a urxencia desta convocatoria neste momento de campaña electoral.

O coordinador territorial de A Mariña e alcalde de Burela deixou moi claro que o PP apoia a continuidade do Partido Xudicial de Viveiro e que tódolos alcaldes “ratificamos, punto por punto, os acordos adoptados, por unanimidade de tódolos partidos políticos, no Parlamento de Galicia e na Deputación de Lugo”.

González Barcia afirmou que os concellos do PP asistirán á reunión para abordar a continuidade do Partido Xudicial de Viveiro sempre e cando se leve a cabo despois das eleccións europeas, “así sexa o día 26 de maio”- matizou.