Partido Popular de Lugo

O GPP recorda que a sala de despiece supuxo un custe de preto de 300.000 euros aos lucenses

Lugo 15 de maio de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular lembrou esta mañá que a construcción da sala de despiece de caza na Fonsagrada contou cun orzamento de 300.000 euros.

Os populares aportaron este dato que se pode comprobar a través do BOP de 25 de abril de 2012 tras facerse eco das declaracións do Partido Popular da Fonsagrada, que denunciou que as promesas electorais de Gómez Besteiro non chegasen a cumprirse e a día de hoxe a sala de despecie non estea en funcionamento.

Ante esta situación, os populares na Deputación de Lugo anunciaron que presentarán unha pregunta para a súa resposta na próxima sesión plenaria na que se interesarán polos motivos que levaron aos socialistas e nacionalistas a levar a cabo un investimento importante neste proxecto cando non estaba garantida a súa posta en funcionamento.

Dende o GPP amósanse críticos co proceder do presidente da Deputación Provincial característico polo anuncio de importantes proxectos en épocas preelectorais que posteriormente non se materializan e, incluso, cuxa posta en funcionamento non está avalada.

“Estamos ante unha contía económica considerable, 300.000 euros de orzamento, que finalmente se adxudica por 264.000 euros”, e que a día de hoxe, “non resultou rendibilizada, polo que queremos coñecer os motivos e cal será o futuro deste proxecto”.

Fiscalización do proxecto

A maiores, os populares na Deputación tamén anunciaron que, ao igual que fixeron con outras obras da Fonsagrada, pedirán por rexistro de entrada acceso ao proxecto e ás certificacións de obra, “co obxecto de fiscalizar que a sala de despiece se adecúe ao proxecto orixinal”.