Partido Popular de Lugo

Barreiro pide o voto en Burela para Cañete “a persoa que máis e mellor defendeu os intereses do sector pesqueiro en Europa”

Burela, 11 de maio de 2014.- O presidente do Partido Popular de Lugo e voceiro do GPP no Senado, José Manuel Barreiro, pediu esta tarde en Burela o voto para Miguel Arias Cañete ao que se referiu como “a persoa que máis e mellor defendeu os intereses do sector pesqueiro en Europa”.

Así o puxo de manifesto o popular durante o mitin celebrado esta tarde no Hotel Nordés e no que participaron o vicesecretario xeral do PP de Galicia e conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a voceira do PP galego, Paula Prado, e o presidente do PP local, José María González Barcia.

José Manuel Barreiro intervindo no mitin en Burela

José Manuel Barreiro intervindo no mitin en Burela

Os datos acreditan que “temos o mellor candidato”

O presidente dos populares lucenses asegurou que estas eleccións europeas “son importantes e o que se decida o próximo 25 de maio impórtalles aos galegos”, porque boa parte dos fondos comunitarios que fan posible proxectos claves para o país dependen das negociacións da U.E.

Neste senso, Barreiro referiu ao sector da pesca, -de vital importancia no citado concello da Mariña-; e lembrou que a preocupación de Arias Cañete “na defensa dos intereses do sector da pesca acredítase en datos”.

Así, o popular destacou que a capacidade de negociación e influencia de Cañete na U.E., en contraposición coa torpeza do PSOE, queda demostrada en circunstancias como o segundo incremento da cota de pescada no 2013, que aumentou, por primeira vez na historia, en dúas ocasións dentro dun mesmo ano ou a recuperación pola Xunta das campañas de promoción de consumo de bonito descoidadas por PSOE e BNG.

A maiores, o líder dos populares lucenses concretou que con Cañete logrouse un incremento das cotas de pesca do 15%, conseguiuse unha flexibilización do estrito calendario que se presentaba para a prohibición dos descartes e evitouse que se prohibise as artes de enmalle e arrastre nas pesqueirías de augas profundas.

Compromiso da Xunta de Galicia con Burela

A maiores os populares puxeron de relevo o compromiso da Xunta de Galicia con Burela que “é real” e se demostra, por exemplo, “no desbloqueo e licitación da obra do acceso ao porto, esencial para a lonxa e para evitar o paso de vehículos pesados ao centro da localidade”.

“Burela terá unha nova gardería, veu multiplicados os apoios aos centros de atención social, casas de acollida e instalacións de benestar; promovéronse obradoiros de emprego e cursos de formación…”, enumeraron.

Polo que os populares concluíron que “só hai que analizar estes datos para comparar a xestión do goberno bipartito co actual e para ter a evidencia de que co PP, Burela gañou”.