Santiago, 30 de abril de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu hoxe a posta en marcha dun Plan de Xestión da pesqueiría da sardiña ibérica dirixido a garantir a sustentabilidade deste recurso tras constatar un declive da biomasa desta especie.
Os populares defenden a iniciativa que está a desenvolver o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que, segundo explicou, vén de trasladar ao sector o borrador da futura Orde que ten previsto regular o Plan de Xestión para que realicen as correspondentes achegas, á vez que desenvolve a correspondente negociación con Portugal, posto que esta pesqueiría e conxunta co país veciño.
EVITAR A IMPOSICIÓN DUN TAC EN 2015
O obxectivo final da acción do Goberno sería tomar as medidas precisas que garantan a saúde biolóxica desta especie e a súa explotación pesqueira sustentable, así como evitar que desde a Comisión Europea se obrigue a establecer un TAC para o ano 2015, tal e como teñen advertido desde Bruxelas, xa que sería moito máis restritivo que as medidas incluídas no Plan de Xestión.
Os populares consideran que a posta en marcha dun Plan de Xestión da pesqueiría da sardiña ibérica é o camiño máis correcto e por iso rexeitaron na mañá de hoxe, no seo da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, a iniciativa do BNG pola que, ante a situación descrita, propoñían unha fórmula alternativa: a elaboración dun Plan de Conservación.
Balseiro sinalou que, de facer efectiva a tese defendida polo BNG, este Plan de Conservación tería un impacto aínda máis negativo nas posibilidades de captura desta especie por parte da flota española e, nesa liña, depositan as súas esperanzas no camiño escollido polo Ministerio: a elaboración dun Plan de Xestión, que está en plena negociación.