Partido Popular de Lugo

O GPP lamenta que a Deputación “con moitas ganas” se negase a incrementar o apoio económico ás confrarías

Lugo 29 de abril de 2014.- A voceira do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, lamentou esta mañá que o equipo de goberno da Deputación votase “con moitas ganas” en contra á proposta do PP na que se trasladaba a demanda do sector e se solicitaba un incremento no apoio económico ás confrarías de pescadores.

A popular reprobou as declaracións do voceiro socialista, Manuel Martínez, quen asegurou que “imos a votar en contra desta moción con moitas ganas”. Para os populares, PSOE e BNG non só están a votar en contra dunha iniciativa necesaria que se posiciona ao lado dos traballadores e veciños, senón que tamén o realizan a través de declaracións que deixan entrever “o pouco que lle importan os lucenses ao equipo de goberno da Deputación”.

En concreto, Candia rexeita as declaracións do nacionalista Antón Veiga que refiriu ao sector de baixura como de “residual”, ata o punto de insinuar a supresión das confrarías.

A popular considera inadmisible esta actitude por parte do PSOE e do BNG ante un sector que facturou durante 2013 en primeiras vendas nas lonxas da provincia máis de 100 millóns de euros. “Estamos ante un equipo de goberno que lle dá as costas aos sectores produtivos da provincia”, matizou.

Neste senso, Candia durante a súa intervención censurou que se sigan a sufrar actividades de pouca importancia, como poden ser cursos de risoterapia ou actuacións de asociacións vinculadas politicamente, mentres se negan a incrementar as axudas a un dos sectores máis fortemente afectados polos temporais.

“Estamos ante a Deputación Provincial que achega unha menor contía económica ás confrías de pescadores”, manifestou Candia; quen contrapuxo os 21.000 euros que aporta a Deputación de Lugo ás confrarías lucenses; aos máis de 484.000 que achega a de Pontevedra.  A Deputación de Pontevedra aporta 23.000 euros de media por confraría, mentres que a de Lugo só 3.000 euros.

A voceira popular concluíu ao asegurar que o comportamento da Deputación se contrapón ao dos gobernos populares, que tralos temporais adoptou medidas en apoio aos profesionais do mar en todos os ámbitos, -preventivas e correctivas-, para compensar as perdas, para impulsar medidas de rexeneración produtivas, para reparar infraestruturas danadas…