Partido Popular de Lugo

O GPP esixe que a proposta sobre os criterios de promoción profesional se recolla como o que é: un itinerario para que os traballadores recuperen os dereitos económicos retirados por Besteiro

Lugo 29 de abril de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular a través da súa voceira, Elena Candia, esixiu hoxe que as cousas se chamen polo seu nome e que, polo tanto, a proposta sobre os criterios de promoción profesional presentada plo equipo de goberno e debatida hoxe en pleno se denomine como “itinerario para  que os traballadores recuperen os dereitos económicos que Gómez Besteiro lles retirou”.

Así o manifestou a voceira dos populares, Elena Candia, durante o debate da referida proposta do equipo de goberno, quen explicou que o presidente provincial pretende vender como promoción profesional o que non deixa de ser un itinerario para que 90 traballadores recuperen as mesmas condicións que os seus compañeiros, e que perderon tras unha modificación do ano 2010 promovida por socialistas e nacionalistas. Un recorte que o equipo de goberno xustificaba daquela na crise económica e nas medidas de control de déficit público que tiña que aplicar a administración.

Un itinerario cargado de subxectividade

A maiores, a popular durante a súa intervención tamén explicou que os criterios, aos que dende o equipo de goberno refiren como de promoción económica, están cargados de subxectividade e de decisións por parte do equipo de goberno que non son neutrais. Deste xeito, os populares anunciaron a abstención a esta proposta.

Perda do apoio dos sindicatos , manifestaron os populares

Neste senso, o PP recórdalle a Besteiro que perdeu o apoio do 50% dos representantes sindicais e que debería estar preocupado por algún deles. “Esta operación non é unha oportunidade para os traballadores, é unha actuación teatral para vender como oportunidade o que no 2010 foi un recorte en toda regra”, manifestaron os populares.