Lugo 29 de abril de 2014.- A Deputación Provincial de Lugo desatende a enmenda do Grupo do Partido Popular que recolle unha proposta para interceder na mellora dos prezos no sector da madeira e actuar, polo tanto, a favor dos traballadores do sector forestal.
Os populares conscientes do problema que se está a dar na construción de prezos da actividade produtiva do sector da madeira; instaron á Deputación Provincial de Lugo para que se dirixise aos órganos de control da competencia e dos mercados para que avalíen e dispoñan as medidas oportunas dirixidas a asegurar unha posición de liberdade de negociacións e acordo dos produtos obtidos no monte galego, en xeral, e lucense, en particular, de tal xeito que se garanta unha axeitada construción da cadea de valor dos mesmos.
A proposta do equipo de goberno podería chegar a implicar sancións
Dende o GPP explican que esta sería a xestión adecuada, xa que se está ante un problema comercial, que ten como fondo unha construción de prezos da madeira, e non de falla de política forestal. De aí, que o voto a favor da proposta presentada polo equipo de goberno e polo tanto a reunión da Mesa da Madeira para resolver este problema podería dar lugar a unha interpretación de influencia nos mercados que levase a unha multa por ir contra a libre competencia. Os populares lembran que, por exemplo, este tipo de órganos de consulta levou en tempos do bipartito a serios problemas xurídicos en materia de competencia.
Polo tanto, os populares eríxense defensores de mocións na defensa dos sectores produtivos lucenses, pero neste caso trátase dun problema comercial e non de falla de política forescal polo que “propuxemos unha enmenda para salvagardar os intereses dos produtores da madeira de eucalipto sen poñer en risco a súa actuación aos ollos dos tribunais e dos consellos da Competencia”
Compromiso da Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia ten amosado o seu compromiso co sector forestal galego e lucense, traballando tanto no ámbito normativo, como no orzamentario e no administrativo. Deste xeito, os populares refiriron ao impulso da primeira Lei de Montes; ademais de estarse a constituír un novo corpo normativo como desenvolvemento da Lei de Montes.
No aspecto orzamentario, a administración autonómica investiu na última lexislatura máis de 97 millóns de euros en tratamentos silvícolas de carácter preventivo, en aumento do valor das producións forestais e en reforestación de terras e recuperación do potencial forestal danado polas catástrofes, dos que 35,3 millóns de euros foron investidos en Lugo. Máis de 278 millóns de euros en axudas a máis de 700 iniciativas para a creación de novas industrias, así como para a ampliación e modernización de instalacións de industrias agroalimentarias e forestais ou os 94 millóns de euros para desenvolver accións preventivas e infraestruturais forestais durante este 2014; son cifras que amosa a implicación da Xunta de Galicia.
Unha circunstancia que se antepón a actitude do PSOE e do BNG. Para os populares resulta curioso ver a nacionalistas e socialistas defendendo a produción do eucalipto. “Parece que agora se decatan que esta especie é importante para a Mariña de Lugo e lamentamos que esta mesma preocupación non xurdira do PSOE e do BNG á hora de abordar outros problemas que afectan á produción da madeira de eucalipto”.