Lugo, 24 de abril de 2014.- O portavoz do Grupo Municipal Popular, Jose Álvarez Vázquez, informou esta mañá que o Valedor do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada polos populares de O Incio como consecuencia da reiterada ocultación de información que protagoniza a Alcaldesa do municipio, a socialista Laura Celeiro.
O órgano de garantías vai aínda máis lonxe e, logo de efectuar un primeiro estudo da situación, e da documentación presentada por ambas partes, formula unha recomendación á Alcaldesa lembrándolle “que debe cumprir o prazo de cinco días naturais nos supostos de acceso á información e documentación municipal”, algo que hoxe non acontece.
O Valedor lembra que realiza esta suxestión “desde a independencia e obxectividade que fundamenta todas as súas decisións” e recórdalle a necesidade de que o Concello “dea conta no prazo dun mes da aceptación da resolución formulada, de ser o caso, e das medidas que ten previsto adoptar para darlle efectividade a esta recomendación”,
OBSTÁCULOS QUE VAN EN AUMENTO
Jose Álvarez explicou que desde a toma de posesión da nova Alcaldesa os populares sofren limitacións para acceder á información, tal e como puxeron de manifesto a través dos medios de comunicación. Obstáculos “que van en aumento nos últimos meses e que buscan dificultar o normal exercicio das funcións de control e fiscalización do Goberno local”. Así por exemplo Álvarez explica que non se está a facer entrega, en tempo en forma, dos acordos adoptados nas Xuntas de Goberno Local.
“Estamos ante un claro exemplo de falta de transparencia. Un comportamento inaceptable que nos leva incluso a sospeitar cales son os motivos para ocultar todos estes datos. Tan só pedimos que Laura Celeiro cumpra a lei e deixe de agochar información relevante para os veciños”-dixo Jose Álvarez.
Ante a gravidade e reiteración da situación descrita, os populares solicitaron a intervención do Valedor do Pobo, polo que, unha vez coñecida, reciben con satisfacción a notificación e agradecen o seu traballo, ao tempo que agardan que desde a Alcaldía, sexan respectados os seus dereitos constitucionais e se lles permita exercer así as funcións encomendadas da mellor maneira posible.
DENUNCIAS CONCRETAS
Jose Álvarez indicou que os motivos concretos que fundamentaron a queixa foron un relatorio de feitos referidos as limitacións impostas desde a Alcaldía para coñecer información relativa á tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), ao pago de facturas a provedores e sobre presuntas irregularidades detectadas na relación dos veciños que solicitaron o enganche á Rede Municipal de Abastencemento de Auga, entre outras.
Segundo os populares, con independencia da resolución final da queixa presentada, as recomendacións efectuadas polo Valedor, ata o de agora, dan mostra do fundamento das denuncias formuladas e do absurdo que supón o intento da Alcaldía de agochar esta falta de transparencia acusándolles de empregar a institución con fins políticos, cando a realidade demostra que é o reiterado comportamento incorrecto de Laura Celeiro quen obriga a tomar estas decisións, sen descartar outras como sería a vía xudicial.