Partido Popular de Lugo

Teixido considera oportuno manter a entrevista con Besteiro antes de reunir á Comisión de Seguimento do convenio da residencia

Lugo, 23 de abril de 2014.-O alcalde de Guitiriz, Xose María Teixido, considera oportuno manter primeiro unha entrevista directa co Presidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro, antes de reunir á Comisión de Seguimento do convenio asinado para a execución da residencia, e así o trasladou aos responsables provinciais.

O rexedor supedita calquera paso futuro a que Besteiro responda a súa solicitude de entrevista, aínda pendente, pois espera que este encontro sirva para desbloquear a situación e que, como quere o Concello, os veciños poidan dispoñer canto antes da nova residencia comprometida.

“Ata o momento todas as reunións de seguimento do convenio subscrito entre o Concello e a Deputación pecháronse sen avances. Con encontros sen capacidade para resolver os problemas e condicionantes que hai sobre a mesa. Queremos unha solución, sen perder nin dilatar máis o tempo. Temos vontade de diálogo e puxemos alternativas sobre a mesa. Reclamamos a implicación directa de Besteiro para evitar que poida perderse o investimento comprometido”-dixo Teixido.

PLATAFORMA FALEMOS CLARO

Por outra banda o alcalde volve a mostrarse partidario de recibir e coñecer as propostas e integrantes da Plataforma Falemos Claro aínda que matiza, non ten constancia oficial da solicitude de ningún tipo de entrevista por parte de este colectivo.

En todo caso, considera positivo que a sociedade poida implicarse neste tema xa que reforza a posición do Goberno local que loita por contar con celeridade coa nova residencia. A Teixido si lle sorprende que Besteiro anuncie que vai a recibir a este colectivo e aínda non respondera á solicitude formulada desde a Alcaldía, xa que o rexedor non deixa de ser o representante lexítimo e directo de todos os veciños de Guitiriz e, polo tanto, así o esixe o debido respecto institucional.

O alcalde trasladará e explicará tanto con Besteiro como aos representantes da Plataforma, cando teña a oportunidade de manter os encontros correspondentes, as dúas propostas que, para facilitar o desbloqueo da situación, puxo o Goberno municipal sobre a mesa: a corrección do proxecto da Casa da Botica para que inclúa o centro de día e cumpra a normativa urbanística ou a proposta alternativa do solar de Parga.