Partido Popular de Lugo

Teixido empraza a Besteiro a dialogar para evitar a perda dos 1,2 millóns de euros previstos para a construción da residencia

Guitiriz, 11 de abril de 2014.- O alcalde de Guitiriz, Xose María Teixido emprazou hoxe -a través dun escrito oficial- a Jose Ramón Gómez Besteiro a dialogar “para evitar que poida perderse un investimento previsto en 1,2 millóns de euros destinados á construción da residencia de Guitiriz”.

O rexedor popular considera que o Presidente da Deputación de Lugo ten a obriga de responder a este chamamento “e sentarse nunha mesa, en primeira persoa”, para desbloquear a situación e asumir, deste xeito, os compromisos que a administración provincial ten adquiridos cos veciños de Guitiriz e que, ata o momento, non cumpriu.

Teixido, como mostra de boa disposición e diálogo, ofrece a Besteiro dúas alternativas: ou adaptar o proxecto da Casa da Botica para que cumpra a lei e os requirimentos básicos sinalados polo Concello, ou aproveitar os terreos en Parga para construír alí un novo centro, sen que supoña ningún custe adicional.

O alcalde insiste en que, por responsabilidade cos veciños e futuros usuarios, tal e como a Deputación ten formulado hoxe o proxecto construtivo da residencia, é inasumible xa que, lembra, carece de centro de día, non cumpre a normativa urbanística e as futuras prazas dispoñibles terían un prezo elevadísimo, non accesible para a maioría dos pensionistas.

Con todo, fai un chamamento á cordura e convida a Besteiro a un diálogo sincero. Reclama que o Presidente provincial “sexa capaz de superar as diferenzas partidistas e pensar nos veciños” pois, as peticións do Concello están “fundamentadas en argumentos sólidos e responden ao sentido común”.

Teixido remata amosando a súa esperanza de que o encontro entre o Presidente da Deputación de Lugo e o alcalde poida ter lugar, á maior brevidade posible e sinalou que, nas múltiples reunións e contactos que se celebraron ata o de agora coa administración provincial “nos levantamos igual que nos sentamos, sen ningún avance significativo” comportamento que espera poida variar se o propio Besteiro está presente, na xuntanza á que lle convida.