Lugo, 11 de abril de 2014.- O presidente do Partido Popular na provincia de Lugo e portavoz do Grupo Popular no Senado, Jose Manuel Barreiro, explicou hoxe que a súa formación política dará o pistoletazo de saída á precampaña das eleccións europeas cunha convención que terá lugar este sábado, día 12 no Pazo de Feiras e Congresos da cidade de Lugo.
Baixo o lema “Fortes en Europa” a cita dará cabida a responsables políticos e afiliados de todos os concellos da provincia que se achegarán para participar nun evento no que está prevista a intervención de clausura a cargo de Alberto Núñez Feijóo.
Barreiro sinalou que este evento supón o inicio dunha carreira de fondo na que os populares lucenses redobrarán esforzos, co obxecto de volver a contar co apoio maioritario dos veciños desta provincia, tal e como vén acontecendo nas últimas citas electorais, para seguir apuntalando a tendencia na boa dirección e consolidar o camiño cara a recuperación xa iniciada polos Gobernos do Partido Popular.
CATRO RELATORIOS
A convención permitirá afondar en temáticas de vital importancia e que serán analizadas a través de catro relatorios centrados no papel de Europa e na importancia das políticas que se deciden nas institucións comunitarias.
En concreto, o inclúese a participación de dúas conselleiras do actual Executivo autonómico, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e a titular do departamento do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. Asistirán tamén o portavoz do Grupo Parlamentario Popular e coordinador do programa electoral, Pedro Puy e o deputado lucense e experto en asuntos europeos, Daniel Varela.
A primeira ponencia corresponderá ao ex-eurodeputado que baixo o título “Fortes en Europa” disertará sobre a influencia da Unión no día a día e no desenvolvemento económico da nosa provincia. En segundo lugar será a quenda de Pedro Puy que fará unha valoración do programa electoral e da súa adaptación á Galicia. De seguido, intervirá Beatriz Mato cun relatorio sobre “Emprego e Políticas Sociais en Europa” e finalizará a xornada de traballo Rosa Quintana falando do “Mundo Rural e a Pesca en clave de futuro”, en concreto, da nova Política Agraria Común e da Política Pesqueira Común.
Tras cada un dos relatorios abrirase unha quenda de preguntas para que os asistentes á convención poidan formular cuestións, suxestións ou aclarar dúbidas sobre os temas tratados na mesma.