Partido Popular de Lugo

Balseiro asegura que Besteiro incumpre a lei electoral e esixe que deixe de empregar a Deputación para os seus intereses partidistas

Lugo, 10 de abril de 2014.- O secretario xeral do Partido Popular na provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro, esixiu hoxe a Jose Ramón Gómez Besteiro que “deixe de empregar a Deputación en función dos seus intereses partidistas e electorais”.

Nesa liña lamentou que desde o Partido Popular se vexan obrigados a lembrarlle ao secretario xeral dos socialistas galegos “que ten o deber e a responsabilidade de cumprir coa lei”. Máis en concreto Balseiro aclara que Besteiro non pode participar en actos prohibidos pola lexislación electoral en precampaña e insiste en que a normativa vixente prohibe facer visitas como a que Besteiro efectuou en Guitiriz e na que inaugurou un parque biosaudable.

“O secretario xeral dos socialistas di agora, intentando xustificar o inxustificable que non se trataba dunha inauguración senón dunha visita, dun encontro cos veciños. Pero isto non é certo. E aínda que así o fora, esas visitas tamén están prohibidas pola lexislación electoral desde a convocatoria das eleccións, por canto Besteiro se sirve de medios públicos para vender logros, que ademais non son propios senón de todos os veciños”- aclarou Balseiro.

Os populares puntualizan que tanto a normativa electoral como as instrucións da Xunta Electoral entenden prohibido que, “no curso dun acto de visita a unha obra ou servizo público, unha autoridade poida realizar actos ou declaracións que teñan contido electoralista ou que poidan considerarse como campaña de realizacións ou de venda partidista dos logros obtidos”.

ATAQUE CONTRA O XOGO LIMPO

Para os populares Besteiro é protagonista dun “ataque contra o xogo limpo” que ademais debera mover á reflexión de que ten o deber de liderar ao PSOE en Galicia “e en Lugo, dá mostras continuas de estar obsesionado en facer un uso partidista dos medios da Deputación.”

Balseiro preguntouse si esta forma de actuar de Besteiro vai a extrapolala ao resto de Galicia, tendo en conta a súa condición de secretario xeral e indicou que “incumprindo a lei electoral está dando un mal exemplo a moitos cargos públicos e institucionais do seu partido e ao conxunto das galegas e dos galegos”.