Partido Popular de Lugo

Besteiro incumpriu a lei electoral coa inauguración do parque biosaudable de Pígara

Guitiriz, 9 de abril de 2014.- O alcalde de Guitiriz, Xose María Teixido denunciou hoxe que o presidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro incumpriu a lei electoral coa inauguración o pasado luns do parque biosaudable de Pígara.

O rexedor lembra que a normativa vixente prohibe de xeito taxativo a realización de calquera acto de inauguración de obras, servizos públicos ou proxectos, desde a data de convocatoria das eleccións, isto é, desde o pasado 1 de abril.

O acto ilegal adquire especial relevancia tendo en conta que Besteiro non só é o presidente da Deputación de Lugo senón tamén o secretario xeral dos socialistas galegos e que, polo tanto, este comportamento podería responder a unha estratexia premeditada do PSOE para burlar a lei e buscar réditos electorais alí onde son oposición.

Besteiro acompañado da tamén deputada provincial, Regina Polín, achegáronse ata Guitiriz para participar neste acto tras o remate das obras do parque. Dáse a circunstancia de que Gabinete de prensa da Deputación remitiu unha nota e unha foto na que dan conta da inauguración e pode verse a Besteiro acompañado dun grupo de veciños.

DESCORTESÍA INSTITUCIONAL

Por si o incumprimento da lexislación electoral fora pouco Teixido tamén quixo denunciar a falta de respecto institucional do presidente da Deputación que acude a un acto ao seu concello sen comunicalo previamente, e sen realizar a correspondente invitación formal, que é proceder habitual cando un membro doutra administración fai unha visita institucional o seu concello.

“De ternos convidado xa lle advertiríamos de que estaba incorrendo nunha irregularidade. Pero, en todo caso, ademais de proceder de xeito ilegal actúa tamén sen o máis mínimo respecto por este Concello, pois veu ás agachadas o mesmo presidente que despois presume de transparencia”-indicou Teixido- quen explicou que dará traslado destes feitos para a súa valoración.

A NORMATIVA MOI CLARA

Teixido lembra que tanto a nova Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, como a propia Xunta Electoral nas súas instrucións posteriores ratificou a prohibición destas inauguracións “calquera que sexa a denominación empregada” sempre que coincida con período preelectoral ou electoral, e fan extensible este réxime de prohibición ás visitas ás obras.

“O novo parque pode entrar en servizo. E os veciños poden facer uso del. O que non se permite é que Besteiro o inaugure facendo un uso político e partidista dunha institución, trala convocatoria electoral, que é de todos os lucenses e que construíu este parque co diñeiro de todos, incluído dos veciños deste concello”-aclara Teixido.