Guitiriz, 8 de abril de 2014.- O alcalde de Guitiriz e presidente do Partido Popular nesta localidade, Xose María Teixido, asegurou hoxe que a viceportavoz da Deputación Pilar García Porto “fala deste o total descoñecemento e sen ter idea” xa que a residencia que proxecta o organismo provincial na Casa da Botica carece de centro de día, circunstancia que xerou un grande malestar entre os veciños.
“Garcia Porto non está a dicir a verdade. Da por feito que a residencia terá centro de día cando cando nin no proxecto técnico, nin nos planos, nin tampouco as instalacións proxectadas reúnen as características esixidas para este tipo de instalacións. E non podemos permitilo. Non sabe do que está falando ou, o que é peor, pretenden enganarnos”-aclarou Teixido.
Os populares lembran que a incorporación desta dotación para a atención das persoas maiores en horario diurno foi unha das reivindicacións de mellora reclamadas polo Concello e que a Deputación comprometeuse a incluír no proxecto, pero que hoxe constitúe un flagrante incumprimento do organismo provincial.
UN PROXECTO INDEFENDIBLE QUE “DEIXA MUDA” A POLÍN
O alcalde fala en nome de todo o Goberno cando empraza a Besteiro a “poñer freo a obsesión enfermiza contra Guitiriz” e a cumprir os seus compromisos cos veciños, “e isto pasa por abandonar o inmobilismo que practican desde San Marcos e atender ás peticións do Concello”. Teixido di que ata tal punto chegan as eivas do proxecto provincial que Regina Polín quedou “muda”, agochándose tras García Porto e incapaz de defender o proceder da Deputación, “ante a contundencia dos datos que demostran que estamos ante un proxecto construtivo repleto de deficiencias e irregularidades”.
O ÚNICO CONCELLO ONDE A DEPUTACIÓN NON NEGOCIA
Teixido sinala que Guitiriz é o único concello de toda a provincia onde a Deputación esta a negarse a atender as reivindicacións do Concello, ata o punto de que nin lles traslada as gravacións das comisións de seguimento do convenio asinado para a súa construción.
O rexedor aclarou que non están en contra de investir 1,2 millóns de euros para a construción dunha residencia na localidade. O que non quere é que se constrúa un “hotel de luxo”, sen capacidade para atender a persoas dependentes (cando a maioría das persoas maiores teñen algún grado de dependencia), nunhas instalacións con moitas carencias e a un prezo inadmisible (máis de 1.200 euros) para a maioría dos veciños da localidade.
ALTERNATIVA CON TODOS OS SERVIZOS
Os populares defenden como alternativa que o investimento previsto na Casa da Botica se dixira á construción dunha nova residencia empregando os terreos situados en Parga. O novo centro non tería os condicionantes estruturais, urbanísticos e do contorno que si ten a Casa da Botica e, co mesmo investimento podería executarse unha residencia capaz de atender tamén a persoas en situación de dependencia e incluír un novo centro de día, do que hoxe carece o proxecto elaborado pola Deputación.