Partido Popular de Lugo

Lenza: “Tras recibir un concello con máis de 170.000 euros de superávit, o alcalde de Pol endebedouno en máis dun millón de euros”

Pol, 8 de abril de 2014.-A portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular de Pol, Ángeles Lenza, denunciou hoxe que tras recibir un concello con máis de 170.000 euros de superávit o alcalde de Pol, o socialistas Lino Rodríguez, endebedouno en máis dun millón de euros.

Os populares poñen de relevo que o rexedor socialista multiplicou de xeito exponencial os datos negativos e o fixo tan só nos últimos sete anos, isto é, desde que o PSOE goberna nesta localidade. Isto significa que cada veciño da localidade debe xa 338 euros como consecuencia da débeda municipal contraída pola alcalde Lino Rodríguez.

Segundo os datos ofrecidos polo servizo de intervención as cantidades pendentes de pago superan o millón de euros, unha débeda contraída en diferentes conceptos tales como préstamos bancarios (541.258,88 euros), resultados orzamentarios (-51.309,43 euros), remanentes de tesourería negativos (193.452,52 euros) e facturas pendentes de pago por valor (298.439 euros).

Ángeles Lenza alertou que, só en 2014 e segundo o previsto no orzamento en curso, o Concello se verá obrigado a pagar máis dun millón das antigas pesetas en concepto de amortización de préstamos  bancarios e e gastos financeiros, isto é 69.700 euros.

Un progresivo endebedamento que non ten o seu reflexo nunha mellora da xestión municipal, máis ao contrario, as poucas obras relevantes executadas desde que o PSOE ten responsabilidade de goberno “moi escasas, por certo”, foron financiadas case na súa totalidade por subvencións doutras administracións e, polo tanto, non xustifican a enorme débeda contraída polo actual alcalde.

Pola contra os 170.000 euros que Lino Rodríguez recibiu en concepto de superávit tras os anos de xestión do Partido Popular son cifras positivas auditadas polo Consello de Contas e certificadas pola secretaría municipal, herdanza que o rexedor socialista dilapidou nestes últimos sete anos.

CONTRASTE COA XESTIÓN POPULAR

Ángeles Lenza quixo salientar que os malos datos actuais contrastan co superávit que o actual alcalde herdou trala xestión do equipo de goberno do Partido Popular. Os populares deixaron uns datos positivos que superaban os 170.000 euros, cantidades que non inventa o PP senón que resultan acreditadas pola auditoría do Consello de Contas e ratificadas pola secretaría municipal.