Guitiriz, 4 de abril de 2014.- O alcalde de Guitiriz, José María Teixido, acompañado polos edís do Equipo de Goberno, deixou moi claro que non renunciará á residencia e insistiu en que a infraestrutura ten que adaptarse ás necesidades e circunstancias dos guitiricenses.
Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no Salón de Plenos do Concello e acompañado polos edís do Equipo de Goberno, José María Teixido puxo de manifesto que o PP de Guitiriz é principal defensor de que os veciños conten cunha residencia con centro de día viable, accesible e o antes posible.
O rexedor aclarou que se os guitiricenses non contan cunha residencia con centro de día é por culpa de Gómez Besteiro e do PSOE, quen negan aos veciños a infraestrutura que no seu día prometeron e nunca levaron a cabo.
“Comprometéronse a construíla e cunhas determinadas condicións”- afirmou Teixido quen denuncia que, ademais de non edificala, propón agora outro proxecto, obviando puntos imprescindibles e básicos que antes tiña presentes.
Neste senso, o popular cualifica de irreal o proxecto deseñado pola Deputación de Lugo, xa que non se adapta ás condicións dos veciños, posto que lle custará a cada usuario 1.200 euros, só contempla 24 prazas, non permitirá atender ás persoas dependentes e non inclúe na futura residencia o prometido centro de día.
Afirma Teixido que este proxecto tamén ten deficiencias urbanísticas posto que non cumpre a normativa de planeamento xa que a Casa da Botica non é o lugar axeitado polas condicións urbanísticas e espaciais.
“Tal e como se lle advertiu á Deputación o proxecto de obra ten unha altura máis das permitidas nesa zona (tres en vez de dous andares) e tampouco cumpre coas limitacións impostas por Patrimonio para a rehabilitación e uso da Casa da Botica, un edificio de cantería de interese cultural”- manifestou Teixido, quen engadiu que ademais a zona é ruidosa e sen espazos verdes próximos.
O popular tamén denunciou que o Organismo Provincial incumpriu todas as previsións de prazos para executar o investimento e presentou un proxecto con múltiples deficiencias e non as corrixiu e lembra que neste proxecto existen deficiencias técnicas, estruturais, económicas (non pagaron nin a licenza, nin o imposto de construcións correspondentes ao momento de solicitude dos permisos), deficiencias procedimentais.
A DEPUTACIÓN E O PSOE PRETENDEN ENGANAR AOS VECIÑOS: inician unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar unha residencia que eles negan
O rexedor de Guitiriz denunciou que ante esta situación de inexistencia da infraestrutura e de incumprimento por parte da Deputación, o Ente Provincial e o PSOE pretenden enmascarar a súa nula xestión e están a enganar aos veciños.
Así as cousas, o popular tildou de falsa e demagóxica a campaña de recollida de sinaturas que está desenvolvendo Regina Polín, quen, en vez de poñerse a traballar para que os veciños conten coa residencia con centro de día, e en vez de instar ao seu homólogo na Deputación, Gómez Besteiro, a que cumpra co prometido, opta por andar de paseo, recollendo sinaturas e enganando aos veciños nun tema tan sensible.
Denuncia Teixido o pasotismo de Besteiro, persoa que en función do previsto no convenio tería que presidir as comisións de seguimento, e sen embargo non asistiu a ningunha delas.