Santiago, 3 de abril de 2014.- O portavoz de Urbanismo do Grupo Popular, Román Rodríguez, considerou hoxe “un sen sentido” a proposta defendida hoxe por AGE no Parlamento de presentar recurso de inconstitucionalidade pola sentenza do Tribunal Supremo pola que se declara nula a suspensión urbanística do concello de Barreiros. “Non ten cabida a presentación dun recurso de inconstitucionalidade ante unha sentenza do Tribunal Supremo, xa que se trata dunha circunstancia non amparada no ordenamento xurídico”, explicou.
Román Rodríguez explicou que a presentación de recursos de inconstitucionalidade están regulados pola Lei Orgánica 2/1979, do Tribunal Constitucional, e recóllese que non ten cabida a presentación dun recurso de inconstitucionalidade ante unha sentenza do Tribunal Supremo.
NOVO PLAN XERAL
Neste sentido, o portavoz popular reiterou “a disposición da Xunta de Galicia a apoiar e colaborar co Concello de Barreiros para que poña en marcha un plan xeral que solucione un problema creado por unha decisión arbitraria e discriminatoria que non se fixo noutros concellos, como Foz, cun proceso urbanístico practicamente idéntico”.
“Non é unha cuestión menor o feito de que unhas normas provisionais non sexan expostas ao público como se fixo neste caso, porque implica un cambio de ordenación urbanística, se exclúe a participación, afecta a miles de persoas e que neste caso se fai sen ningún tipo de consenso co Concello”, apuntou.
Por este motivo, Román Rodríguez reiterou que “temos cuestionado a decisión que levou ao Goberno bipartito á posta en marcha do decreto, unha decisión arbitraria que xerou consecuencias moi negativas, tanto desde o punto de vista do emprego como sociais, paisaxística e de inseguridade xurídica”.