Santiago, 3 de abril de 2014.- O PPdeG, a través do seu voceiro de Medio Ambiente, Daniel Varela Suanzes-Carpega reiterou hoxe no Parlamento a súa oposición a autorización e construción de novos aproveitamentos hidroeléctricos na conca hidrográfica do Miño-Sil e así o plasmou nunha emenda presentada a unha iniciativa do BNG na que reiteraba ao Goberno do Estado que se adopten as medidas a este respecto, seguindo o acordo aprobado por unanimidade do pleno do Parlamento do 8 de febreiro de 2011.
Daniel Varela lamentou que o BNG non aceptara a emenda do Grupo Popular o que impediu que se sometera a votación. O voceiro popular reiterou a posición do Grupo Popular ao respecto do acordo do Parlamento acadado por unanimidade de todos os grupos políticos “que se conseguiu despois dun traballo laborioso no que o mais importante era recoñecer a sobreexplotación dos ríos galegos declarándoos libres de novos aproveitamentos, algo que a Xunta de Galicia xa trasladou ao seu propio Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, a única conca na que ten competencias”.
Daniel Varela rexeitou as críticas nacionalistas pola recente obra de Belesar II xa que “se tratou dunha repotenciación que non altera o vaso nin o caudal do río, cumprindo así o acordo parlamentario”.
O acordo parlamentario aprobado por unanimidade do pleno do día 8 de febreiro de 2011, recordou Daniel Varela, “non autoriza novos aproveitamentos e so permite repotenciacións dos xa existentes e elo se non supoñen alteracións do vaso nin afectan ao caudal ecolóxico do río”. “Acordo unánime do que agora o BNG parece desmarcarse” segundo o deputado popular.