Sarria, 3 de abril de 2014.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se insta á Xunta á creación dun itinerario cultural que poña en valor varias das xoias patrimoniais dos concellos de Sarria, Samos e O Incio. Os populares demandarán que este novo ruteiro estea vinculado a catro espazos: a zona arqueolóxica da Serra de Santa Mariña, o xacemento castrexo de Formigueiros, o Santuario de San Eufrasio e a Igrexa do Hospital.
Así o explicou hoxe en rolda de prensa o deputado popular Ángel Camino Copa, acompañado do secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro, polo tamén deputado popular Jaime Íñiguez e por concelleiros dos tres municipios nos que se pretende poñer en marcha este novo proxecto de gran relevancia desde o punto de vista cultural, patrimonial e turístico.
Na súa intervención, Ángel Camino salientou a satisfacción persoal e política que lle produce a posibilidade de trasladar ao Parlamento este proxecto, cuxo deseño se fraguou cando era alcalde de O Incio. Así mesmo, agradeceu a colaboración prestada por Jose Manuel Balseiro, que foi unha parte activa no desenvolvemento da idea que agora será sometida ao seu debate e aprobación na Cámara galega.
SINALIZACIÓN, DIFUSIÓN E IDENTIFICACIÓN
A proposición non de lei establece un mandato ao Goberno galego para que impulse as medidas de sinalización, identificación e divulgación deste itinerario polos medios que se estimen máis acaídos, entre os que estará a promoción correspondente tanto na rede de albergues autonómicos como tamén estatais, para o que demandan a colaboración da administración central.
Ao mesmo tempo reclama analizar, ao abeiro do establecido na lei do Patrimonio Cultural de Galicia, a declaración como Ben de Interese Cultural para o Castro de Formigueiros, situado na parroquia do mesmo nome do concello lucense de Samos, e de ser o caso proceder á máis pronta posible incoación do correspondente expediente para a súa declaración.
Finalmente nun último punto, os populares demandan apoiar o desenvolvemento de iniciativas que fomenten a difusión, posta en valor e coñecemento da Serra de Santa Mariña, catalogada como zona arqueolóxica.
PUNTOS PRINCIPAIS DO ITINERARIO CULTURAL
Tanto Ángel Camino como Jose Manuel Balseiro explicaron que o percorrido a poñer en valor aglutina unha serie de elementos de grande interese patrimonial, histórico e turístico. En consecuencia, emprazan á Xunta de Galicia para que poña en marcha un plan de actuación conxunto, entendido na súa globalidade, que incluirá levar adiante as medidas descritas.
Os deputados populares esperan contar co apio das forzas políticas da oposición por canto se trata dunha proposta que redundará en interese dos tres concellos afectados, contribuirá a reforzar a oferta turística e servirá de imán para que se acheguen visitantes e polo tanto con impacto positivo desde o punto de vista económico e incluso en materia de emprego.
ITINERARIO CULTURAL
O itinerario cultural descrito, tería o seu punto de partida na denominada como zona arqueolóxica Serra de Santa Mariña, emprazada en terreos que comparten os tres concellos mencionados con anterioridade. Esta área de gran importancia arqueolóxica ten catalogadas 293 xacementos, con importantísimas pegadas históricas do fenómeno megalítico repartidos en covas, túmulos, estacións rupestres e castros.
O segundo punto de interese deste itinerario sería o Castro de Formigueiros en Samos. Emprazado a máis de 800 metros de altura está considerado como un dos máis monumentais de Galicia.
O terceiro punto do roteiro lévanos ao concello de O Incio: Tras as montañas que serven de fondo ao antigo e importante mosteiro de Samos atópase o Val do Mao, coñecido tamén como Val de San Eufrasio, por atoparse alí a tumba deste santo, un dos Varóns Apostólicos que acompañaron a Santiago. O Santuario de San Eufrasio, restaurado recentemente alberga tamén interesantes pinturas y unha columna de orixe románico.
Neste mesmo municipio está a Igrexa do Hospital de O Incio, un templo románico datado no século XII declarado monumento nacional en 1981. No interior desta igrexa atópase un arcosolio co panteón do célebre comendador, un gran crucifixo de corpo románico e rostro gótico que colga do altar, unha crucifixión en pedra que foi datada previo estudo arqueolóxico no século VI e o Crismón de Quiroga, datado no século IV e considerados como máximos expoñentes da arte indíxena paleocristiana.