A Mariña, 02 de marzo de 2014.- O Partido Popular da Mariña celebrou que o desemprego baixe na nosa comarca por riba da media nacional, autonómica e provincial, amosando unha tendencia esperanzadora nunha bisbarra na que a crise tivo un grande impacto no mercado laboral.
Citando os datos oficiais feitos públicos hoxe pola Xunta, o deputado Vidal Martínez-Sierra sinala que A Mariña lucense experimentou o pasado mes de marzo un descenso do -3,56%, superior á media estatal que se situou no -0,34%, á media galega que estaba no -1,29%, e incluso á media provincial do -2,42%.
DOUSCENTOS SETE PARADOS MENOS
“Se falamos en termos absolutos son 207 os veciños da Mariña que abandonaron as listas do paro, familias que agora poden mirar doutro xeito o seu futuro” –sinalou Martínez-Sierra quen, en todo caso, insiste en fuxir do discurso triunfalista cando “aínda queda camiño por andar”.
De feito o deputado popular, dixo que tanto o PP como os seus Gobernos “seguiremos traballando, para que os que aínda non teñen emprego poidan atopalo”. E afirmou que aínda que sexa sen a colaboración da Deputación -que exclúe a todos os concellos da Mariña excepto á Pontenova do seu plan de emprego- seguirán esforzándose para recuperar todos os postos de traballo destruídos polo PSOE
O PARO BAIXA EN TODOS OS CONCELLOS DA MARIÑA
Vidal Martínez-Sierra indicou que en tan só un mes, o número de parados nas tres bisbarras da Mariña pasaron de preto de 5.900 a algo máis de 5.600, unha evolución salientable que espera poida consolidarse como tendencia. Indica tamén que a redución do desemprego é xeneralizada e, un dato importante é que baixa en todos os concellos da Mariña sen excepción.
DATOS INTERANUAIS
Por outra banda, a redución do número de desempregados tamén se confirma na tendencia anual, xa que logo hoxe hai 250 parados menos que no mes de marzo de 2013, isto é un descenso do 4,26%.
Á baixada experimentada do paro hai que engadir as novas inscricións á Seguridade Social que en Galicia aumentaron en 83.984 persoas. Trátase do mellor comportamento da afiliación nun mes de marzo desde 2007, cando foi do 0,76%.
ESPAÑA | -0,35% | -16.620 |
GALICIA | -1,29% | -3.608 |
LUGO | -2,42% | -691 |
A MARIÑA | -3.56% | -207 |