Partido Popular de Lugo

Macía: “O Valedor do Pobo ratifica que o PP debe ter acceso ao rexistro municipal”

Rábade 2 de abril de 2014.- A presidenta e voceira do PP de Rábade, María Luisa Macía, puxo de manifesto esta mañá, que o Valedor do Pobo avala as denuncias dos populares posto que ratifica que a agrupación local debe ter acceso ao rexistro municipal.

Os populares, que viñan denunciando as trabas que lles poñía o rexedor para acceder ao rexistro e a súa dificultade á hora de coñecer a existencia de asuntos municipais debido as decisións de Montes, son avalados agora por esta Institución.

Porén, María Luisa Macía manifestou que queda patente que non se pode negar o acceso a un expediente en elaboración e remitir ao final do mesmo para aprobalo ou non, xa que en moitas ocasións, o control da actividade administrativa é máis importante na fase de tramitación que na de resolución.

Asevera a popular, amparada tamén no informe do Valedor, que o dereito de consulta dos edís non é temporal e afirma que a misión e función dun concelleiro é velar polo interese público, polo que “non se nos pode negar o acceso a un expediente en elaboración e remitirnos ao final do mesmo para aprobalo ou non, xa que en moitas ocasións, o control da actividade administrativa é máis importante na fase de tramitación que na de resolución”.

O ALCALDE MINTE CANDO AFIRMA QUE ESTA CONSULTA FOI RESOLTA NUN EXPEDIENTE DE QUEIXA TRAMITADO NO ANO 2009

A presidenta do PP de Rábade, María Luisa Macía, salientou que o informe do Valedor do Pobo desminte as declaracións de Fernández Montes.

Lembra a popular que o rexedor afirmou que os populares denunciaran dúas veces o mesmo, algo que non foi así, posto que a primeira vez que os populares deron conta deste asunto foi para denunciar a negativa do rexedor de non poder coñecer o enunciado dos documentos rexistrados (coñecer aqueles asuntos sobre os que se toman decisións, acordos ou se adopten resolucións por órganos municipais) non para a súa reproducción.

Deste xeito, e así o aclara o informe do Valedor do Pobo, que o decreto da alcaldía do 16 de setembro de 2009 desestima a petición de acceso e copia da documentación do rexistro de entrada e saída desde o 1 de maio ao 10 de setembro de 2009; neste intre, o PP solicita a consulta do libro rexistral, non a reproducción dos documentos, para coñecer o enunciado dos documentos rexistrados sen ter que agardar ata que remate o ano administrativo. Polo tanto existe un matiz diferenciador na resolución de ámbalas dúas consultas.