Partido Popular de Lugo

O PP mantén o apoio para a rehabilitación das pallozas de Piornedo

Lugo 01 de abril de 2014.-O Grupo Provincial do Partido Popular reiterou hoxe o compromiso firme da Xunta de Galicia de cara a rehabilitar as pallozas de Piornedo. “Con ou sen consenso coa Deputación, a Xunta de Galicia poñerá da súa parte para realizar os acometidos de restauración destas infraestruturas”.

Así o matizou a voceira dos populares, Elena Candia, durante o transcurso da sesión plenaria celebrada esta mañá. A popular lamentou a imposibilidade de chegar a un acordo coa Deputación Provincial de Lugo para traballar “codo con codo” nun obxectivo claro: “darlle resposta aos veciños de Piornedo que solicitan o arranxo urxente dos teitos das pallozas”.

Candia tachou de “hiprocresía política” a actitude que está a tomar José Ramón Gómez Besteiro que “se lembra do saneamento e do alumeado deste enclave” agora, cando nos últimos oito anos dispuxo de máis de 875 millóns de euros de orzamento provincial para poder levar a cabo este acometido.

Candia deu outros datos a maiores e matizou que non se explica que despois de manexar máis de 44,6 millóns de euros para obras e servizos dende o 2007; ou mesmo despois de dispoñer de máis de 43 millóns en subvencións durante os últimos catro anos; non se lembrasen ata agora das actuacións de saneamento e iluminación deste enclave; “o que amosa o pouco que lles importa”.

A política do absurdo e da contrariedade

Para os populares, o condicionante imposto pola Deputación de dotar a esta localización de certos servizos a cambio de colaborar na restauración das pallozas, responde a unha maniobra política coa que buscan xustificar o seu voto  en contra á moción presentada polos populares –sobre a adecuación das pallozas – na pasada sesión plenaria de febreiro.

Os populares apelaron á incoherencia de Besteiro de traer ao pleno de marzo unha proposta sobre o arranxo das pallozas cando na última sesión votaron en contra da presentada polo GPP e referiron deste xeito á política do presidente provincial como a “do absurdo e de levar a contraria”.

A análise dos feitos, segundo explicou Candia, pon de manifesto o “pouco que lle importa a Besteiro e ao seu equipo de goberno que se lle dea unha resposta aos veciños de Piornedo”.

O PP nunca votaría en contra

A diferencia do que fixeron no pasado pleno o PSOE e o BNG; os populares aseguraron durante a sesión que o PP nunca votaría en contra dunha proposta que propoña rehabilitar as pallozas, polo que a través dunha enmenda marcaron a priorización das actuacións.

Deste xeito, na súa enmenda de substitución estableceron prioridades e  solicitaron que, en primeiro lugar, a Deputación, a Xunta e o Concello de Cervantes establecese con urxencia un acordo dirixido ao arranxo inminente das pallozas, que presentan problemas nas súas estruturas, especialmente nos teitos, como resultado do paso do tempo e especialmente das inclemencias meteorolóxicas.

E sendo conscientes da importancia de dotar de todos os servizos necesarios aos concellos para mellorar a calidade de vida dos veciños; en segundo lugar, o GPP pediu que as tres administracións constitúan unha mesa de traballo dirixida á elaboración dun plan de futuro co obxecto de facerlle seguemento á conservación destes inmobles, así como ao estudo da dotación de novos servizos.