Lugo, 31 de marzo de 2013.-O Grupo Provincial do Partido Popular lamentou que o presidente da Deputación de Lugo, o socialista Jose Ramón Gómez Besteiro, non aproveite o inicio do Plan de emprego “para chegar a todos os concellos da provincia sen ningunha discriminación”.
CONSOLIDA UN PLAN INSUFICIENTE E DISCRIMINATORIO
Os populares din que o bipartito provincial consolida no día de hoxe, co comezo das contratacións, un “insuficiente e discriminatoiro, que xera parados de primeira o segunda categoría en función do municipio no que residan”.
Neste senso reiteran que os feitos veñen a confirmar as denuncias efectuadas desde o GPP, isto é que as bases deseñadas por PSOE e BNG non permitiron presentarse á selección a nove de cada dez desempregados e a 55 concellos dos 67 da provincia, quedan fora comarcas enteiras como as de Lugo, Terra Cha, Chantada e Meira que non terán ningún beneficiario.
PROFUNDO MALESTAR
Desde o Grupo Provincial Popular teñen constancia do profundo malestar que existe entre os concellos excluídos por Besteiro e de das queixas de moitos desempregados que observan como un plan financiado con fondos públicos acaba converténdose “nun instrumento de castigo e desprezo para a inmensa maioría dos parados da provincia”.
Os populares unha vez máis “volven a asumir a voz dos concellos lucenses aos que o Presidente non quixo escoitar” e insisten en reclaman un plan universal ao que poidan acceder todos os municipios da provincia de xeito similar ao que acontece coas medidas de fomento do emprego que impulsa a Xunta.
A XUNTA CHEGA A TODOS, A DEPUTACIÓN NON
Neste senso os populares quixeron deixar claro que fronte ao falso discurso que formulan desde a Deputación, a Xunta de Galicia financia a contratación de desempregados en todos os concellos da provincia a través do Plan de Cooperación. E tamén todos os municipios teñen a capacidade de solicitar, de xeito independente ou en mancomunada, un obradoiro de emprego.
“O modelo Besteiro de creación de emprego é discriminatorio. Non todos os desempregados lucenses teñen os mesmos dereitos porque socialistas e nacionalistas deciden facer un plan á carta dirixidos só a uns poucos concellos”- conclúen desde o GPP.