Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE AS BASES DOS HELICÓPTEROS CONTRA INCENDIOS DO BARCO E PORTOMARÍN MANTIVÉRONSE OPERATIVAS PARA ATENDER LABORES DE EXTINCIÓN NO ENTORNO

Santiago, 28 de marzo de 2014.- O voceiro de Montes e Prevención de Incendios do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou hoxe que as bases dos helicópteros contra incendios do Barco de Valdeorras (Ourense) e Portomarín (Lugo) mantivéronse operativas para atender as labores de extinción que puideron ter lugar no seu contorno.

Balseiro aclara que en 2013 estes emprazamentos tiveron a consideración de “bases alternativas”, empregadas “en función das necesidades de extinción”, polo que non pode afirmarse “que estiveran pechadas”. Ademais, engadiu que nelas tamén se desenvolveron “tarefas de repostaxe e mantemento das aeronaves” que fixeron uso das mesmas.

CRITERIOS TÉCNICOS NON POLÍTICOS

Estas declaracións tiveron lugar no transcurso da Comisión 7ª do Parlamento de Galicia, onde os deputados do Grupo Popular rexeitaron a iniciativa do BNG destinada a recuperar como bases permanentes estes emprazamentos. Os populares entenderon que esta petición non era procedente xa que para o presente ano non está pechada a distribución dos medios aéreos que se determinará no PLADIGA “en base a criterios exclusivamente técnicos e non políticos”.

O portavoz popular tamén quixo salientar que a cobertura dun hipotético incendio queda totalmente garantida nas comarcas onde se sitúan estas bases, primeiramente cos medios terrestres da Xunta e do Ministerio e despois cos aéreos que temos próximos.

Aclarou que a área de Valdeorras e a de Portomarín pódese cubrir en arredor de 20 minutos desde varias bases contiguas: as de Becerreá, Laza, Vilamaior-Verín, Doade-Sober, Antela-Xinzo De Limia, San Xoán De Rio, Lavacolla (Hidroavións), Rozas- Lugo e Marroxo-Sober.

UN DEBATE APOLÍTICO

Os votos do Grupo Popular tamén rexeitaron unha iniciativa que Alternativa Galega de Esquerdas volveu a traer á Comisión de Montes logo de ser rexeitada o ano pasado e na que realizaban unha serie de propostas “con marcado carácter partidista” para incorporar á política de extinción e prevención de incendios.

Balseiro sostivo que os lumes forestais son un problema de país, que en Galicia adquire unha relevancia especial, “tanto pola intensidade, como pola acción dos incendiarios” e sinalou que, aínda que son receptivos a calquera proposta sobre novas estratexias de combate desta lacra, este debate “debería propoñerse en sentido amplo, superando as diferenzas partidistas”. O deputado aclarou que aprobar as peticións de AGE “sería facer que só opine a Asemblea Galega Contra o Lume, e iso non sería xusto, nin completo”.