Partido Popular de Lugo

Os populares sinalan que o investimento da Xunta en Becerreá incrementouse nun 147% nas últimas cinco anualidades ata superar os 3,7 millóns de euros

Lugo, 26 de marzo de 2014.-O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, sinalou hoxe que o investimento da Xunta de Galicia en Becerreá incrementouse nun 147% nas últimas cinco anualidades ata superar os 3,7 millóns de euros. Achegando datos oficiais indicou que as transferencias do actual Goberno galego en beneficio deste concello da Montaña lucense pasaron de 411.433,91 euros en 2009 aos 1.017.290 euros achegados en 2013.

Estes datos botan por terra o argumento defendido desde o Concello que pretende dar a entender que este municipio esta a ser discriminado pola Xunta desde que o Partido Popular accedeu á responsabilidade de goberno. De feito as cifras amosan un sentido contrario xa que os investimentos multiplicáronse por 3 desde 2009.

SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

No ámbito do benestar tamén son moi salientables as achegas da Xunta xa que o financiamento de servizos como o de axuda no fogar tamén rexistrou un notable incremento nos apoios recibidos desde a administración autonómica. De feito, en 2013, as achegas foron de 156.548 euros unha cantidade moi superior a de 2009 que era de 36.555,01 euros e orientada tanto ao financiamento das nóminas dos traballadores que asisten ás persoas dependentes, como da traballadora social e para os gastos de xestión do Punto de Atención á Infancia (PAI).

A XUNTA ACHEGA 150.000 A DEPUTACIÓN SÓ 6.124 EUROS

Dáse a circunstancia de que fronte aos máis de 150.000 euros achegados pola Xunta en 2013 para o financiamento deste servizo a Deputación de Lugo so achega 6.127 euros.

O organismo provincial que ten a obriga legal de asumir o custe total da atención das persoas non dependentes que, no caso de Becerreá é de 38.541 euros, so achega pouco máis de 6.000 euros. Isto é, resalta Balseiro, a Deputación deixa ao descuberto máis do 84% do mesmo e son os veciños e usuarios os que teñen que facer fronte a este gasto.