Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE A OPOSICIÓN TEN VOTADO REPETIDAMENTE EN CONTRA DO CAMBIO DO MODELO DE REPARTO DE POSIBILIDADES DE PESCA

Santiago, 26 de marzo de 2014.- O portavoz do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro asegurou hoxe durante a súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia que as forzas políticas da oposición teñen votado repetidamente en contra do cambio do modelo de reparto das cotas de pesca e, polo tanto, convertéronse nos principais aliados e defensores da persistencia dun sistema que agora, dun xeito oportunista, aseguran criticar.

Pola contra, Balseiro lembrou que tanto o Partido Popular como a Xunta de Galicia sempre amosaron a súa oposición frontal aos actuais criterios de reparto de cotas pesqueiras impostos desde Europa, por entender que son insuficientes para as necesidades da nosa flota.

POSICIÓN INCONGRUENTE

“Vostedes teñen dado ás costas ao sector pesqueiro galego cando tocaba presentar batalla na defensa dos intereses de Galicia diante das institucións comunitarias”, dixo Balseiro. Como fundamento disto, lembrou que, tanto socialistas como nacionalistas, non apoiaron o ditame coa posición única de Galicia ante a reforma da Política Pesqueira Común (13/06/2012) que despois foi aprobado por unanimidade polo Consello Galego de Pesca e que reflectía de xeito expreso a necesidade de cambiar o modelo de TAC e cotas.

Continuando con esta posición incongruente das forzas políticas da oposición, Balseiro tamén lembrou que socialistas e nacionalistas negáronse a apoiar fai case dous anos (28/03/2012) a proposición non de lei do Grupo Popular na que os populares reclamaban a supresión do principio de estabilidade relativa cuxa derrogación  agora din defender.

INICIATIVA OPORTUNISTA

Segundo o voceiro do Mar, os problemas do sector pesqueiro nunca lle importaron ao BNG e mostra disto é que “someten a votación no pleno de hoxe, de xeito oportunista” unha iniciativa parlamentaria sobre o sistema de reparto de cotas que os propios nacionalistas mantiveron no caixón do esquecemento durante máis dun ano”, xa que foi rexistrada o 24 de marzo do 2013.

“Non criticaron o reparto de cotas en decembro, cando se adoptou os TAC para o ano en curso. Tampouco o fixeron ao longo de todo o ano pasado, nin cando aquí se lles deu oportunidade para modificalo e o fan agora, en coincidencia coa protesta de parte do sector do cerco, coa única intención de enganar ao sector pesqueiro cuxos intereses antes desprezaron”, dixo Balseiro.

Por outra banda, o deputado popular censurou que portavoz do Mar do BNG, Daniel Rodas, empregara a tribuna do Parlamento para mentir tras ter asegurado que a conselleira do Mar, Rosa Quintana non quixo recibir á parte do sector do cerco que nas pasadas semanas levou a cabo varias protestas. “Vostede estaba presente na mesma reunión que eu e sabe que iso non foi así. Que a conselleira sempre estivo aberta ao diálogo con estes profesionais. E, de feito, este encontro tivo finalmente lugar, foi posible chegar a un acordo e hoxe a flota do cerco está faenando, en plena campaña”, concretou.