Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DEFENDE A PARTICIPACIÓN DE GALICIA EN EUROPA DENTRO DO MARCO DA CONSTITUCIÓN E DO ESTATUTO DE AUTONOMÍA

Santiago, 19 de marzo de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu a participación de Galicia en Europa, dentro do marco da Constitución, do Estatuto de Autonomía e dos procedementos establecidos nos tratados comunitarios.

En base a este argumento, os populares votaron en contra da iniciativa que formulou o Bloque Nacionalista Galego na Comisión de Asuntos Europeos, que tivo lugar esta tarde no Parlamento de Galicia, e na que os nacionalistas demandaban unha representación directa da nosa comunidade nas institucións comunitarias.

O BNG FÓRA DA REALIDADE E DA LEI

“Coincidimos en darlle o papel que lle corresponde á Galicia, como potencia marítimo pesqueira, como zona altamente dependente da pesca”, sinalou Balseiro, quen engadiu que “o que no podemos facer é fuxir da realidade e inventarnos camiños imposibles, e hoxe en Europa a representación nos principais órganos decisorios vén da man do Estado, isto é, da nosa pertenza a España. Calquera outro modelo, como o que propón o BNG está fóra da realidade e da lei”.

Jose Manuel Balseiro lembrou que, en todo caso, tralo acceso do PP á responsabilidade do Goberno central, a Xunta de Galicia participou, como parte integrante da representación do Estado, nos principais debates en materia de pesca acontecidos na UE nos últimos anos, incluída a reforma da Política Pesqueira Común.

A posición de Galicia foi decisiva en aspectos claves para a nosa pesca como a flexibilización do estrito calendario inicial previsto para a prohibición dos descartes pesqueiros ou para facer realidade o bloqueo da pretensión inicial das institucións comunitarias que buscaban prohibir o uso das redes de enmalle de fondo e arrastre nas pesqueirías de augas profundas.

TRATADOS UE-TERCEIROS PAÍSES

Por outra banda, o Grupo Popular rexeitou a iniciativa dos socialistas galegos na que se instaba a incluír unha serie de criterios á hora de negociar os novos tratados internacionais que a UE asina con terceiros países en materia de pesca. Os populares deixaron claro que o seu voto contrario non significa que discrepen desta proposta senón que o contido da mesma xa está incluído na lexislación comunitaria en vigor desde decembro de 2013.

Jose Manuel Balseiro explicou que tanto o Regulamento sobre a nova Política Pesqueira Común (1380/2013) como o que regula a Organización Común de Mercados (1379/2013) establecen que os tratados que a UE asine con terceiros países deben incluír cláusulas sobre o respecto dos requisitos socio-laborais, medio ambientais, en materia de recursos humanos ou a obriga de equivalencias no cumprimento das normas de seguridade e hixiénico-sanitarias, tanto para a flota e produtos destes terceiros países como tamén para o conxunto da flota comunitaria.