Partido Popular de Lugo

O BNG BLOQUEA O ACORDO PARLAMENTARIO PROPOSTO POLO GRUPO POPULAR EN APOIO DA FLOTA CEFALOPODEIRA GALEGA

Santiago, 19 de marzo de 2014.-O Bloque Nacionalista Galego bloqueou esta mañá na Comisión de Pesca do Parlamento autonómico a posibilidade de acadar un acordo sobre a proposta do Grupo Popular en apoio da flota cefalopodeira que viña operando no caladoiro mauritano.

Os populares defenderon unha emenda na que se propoñía un dobre mandato: á Unión Europea e ao Goberno español para que levasen a cabo negociacións e acordos con terceiros países que permitan volver a faenar ás embarcacións cefalopodeiras en xeral; e á Xunta de Galicia, en concreto, para que tome medidas adicionais para evitar que a flota con porto base en Galicia desapareza, non sexa despezada ou vendida a terceiros países.

FRÁXIL DE MEMORIA

Balseiro puxo de relevo “a fráxil memoria” das forzas da oposición que fai só oito meses (o 22 de maio de 2013) eran incapaces de apoiar, neste mesmo Parlamento, unha iniciativa do Partido Popular na que se demandaba o rexeitamento do acordo con Mauritania mentres non incluíra á flota cefalopodeira.

Deputados do PSOE, do BNG e de AGE non quixeron tampouco requirir o apoio dos gobernos autonómicos canario e andaluz e dos eurodeputados españois para que se uniran á Xunta e ao Goberno central na súa posición contraria ao acordo con Mauritania asinado neses termos.

“As mesmas forzas políticas que hoxe din estar moi preocupados polo futuro desta flota, cando chegou a hora da verdade non estiveron ao carón dos intereses de Galicia, senón máis ben ao contrario, chegando incluso a defender, como fixo o PSOE e EU desde o Goberno andaluz, as bondades dun acordo que deixaba fóra á nosa flota”, dixo Balseiro.

ALTERNATIVAS PARA A FLOTA

O portavoz popular do Mar indicou que tanto a Xunta como o Goberno central veñen traballando en apoio da flota cefalopodeira nunha dobre dirección: Xunto co Goberno central para buscar unha modificación do protocolo con Mauritania, actualmente vixente, para que recoñeza posibilidades de pesca a este sector (hoxe con cota cero). E tamén, na procura de caladoiros alternativos, como o previsto no acordo de pesca con Marrocos, que con modificacións nos aparellos e nos sistemas de abordo supón unha oportunidade para que esta flota poida faenar nese caladoiro.

Balseiro tamén quixo lembrar as peripecias da negociación do acordo entre a UE e Mauritania, no que as condicións máis perniciosas foron aprobadas polo anterior Goberno socialista: De feito foi o PSOE o que celebrou 5 das 7 roldas de negociación co país africano, e quen aceptou feitos tan lesivos como a exclusión dos cefalopodeiros e o aumento dos prezos das licencias.