Partido Popular de Lugo

O pleno de Rábade volve a adquirir un carácter insólito debido ás actitudes e ao descoñecemento de información do rexedor

Rábade 18 de marzo de 2014. Logo da sesión plenaria municipal que tivo lugar no día de onte en Rábade, a presidenta e voceira dos populares neste Concello, María Luisa Macía, fixo balance do mesmo.

UN ORZAMENTO POUCO REALISTA E QUE NACE MERMADO

Macía informou que con respecto aos orzamentos, os populares votaron en contra, posto que consideran que carecen de sentido, que son pouco realistas e que non se axustan ao contexto.

“Consideramos que as estimacións de ingresos son pouco realistas como tamén manifesta o informe do plan de axuste da secretaría do Concello levado ao pleno de onte”- manifestou Macía, quen denunciou que o  50% do total volve a ir á partida de gastos correntes, o que supoñen en cantidade, un total de 622.500 euros, cantidade que sofre unha suba con respecto ao ano pasado, posto que era de 606.000 euros.

Di a popular que este orzamento nace mermado posto que ten que soportar gastos de anos anteriores, tal como o 2011, e denuncia escurantismo no recoñecemento extraxudicial de crédito, onde o rexedor destina 21.000 euros para pagar o pulido das vías, cando, sen embargo, afirmou en varias ocasións, que as facturas dos anos anteriores estaban pagadas.

Criticou tamén a presidenta e voceira popular que o rexedor retire das subvencións, en relación ao ano pasado, o memorial Negrín e o descenso do Miño sen explicación algunha e que existan partidas de gastos diversos que se descoñece a cantidade que engloban.

O PP DA LECCIÓNS AO REXEDOR NO TOCANTE AO PUNTO DE ATENCIÓN TEMPERÁ

A voceira dos populares rabadenses afirmou que a súa agrupación local preguntoulle a Fernández Montes pola posibilidade que tiña o Concello de implicarse no Programa de Atención Temperá.

Critica a popular que o rexedor descoñecese este programa e afirma que foi unha edil do PP a encargada de explicarlle que se trataba dun plan para favorecer ás familias nas que traballan os dous proxenitores, tendo así a posibilidade de deixar aos seus fillos dende as 8:00 no colexio.

“Tras recoñecer que non tiña constancia deste tipo de programas, Fernández Montes, manifestou que si necesitaban de contratación de persoal, non podía ser, posto que non poden contratar”- criticou a popular, quen engadiu que a edil popular puxo de exemplo outros concellos veciños e preguntou cómo se facía nestas localidades. O rexedor dixo que se informaría.

OUTRAS QUEIXAS: SERVIZO DE LIMPEZA, FALTA DE SINALIZACIÓN VIAL E INSTALACIÓNS DE GUINDASTRES NO CAMPO DA FEIRA

A presidenta e voceira popular, María Luisa Macía, tamén presentou varias queixas no tocante ao servizo de limpeza, posto que as beirarrúas están sen limpar e criticou a falta de sinalización vial (concretamente a falta de sinais de  STOP no cruce de Buenos Aires coa Avenida de A Coruña).

Tamén denunciou a falta de información do rexedor, a quen lle preguntou pola presencia duns guindastres no campo da feira, e este dixo que descoñecía que se atopaban no lugar.