Santiago de Compostela.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro vén de formular unha pregunta na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, para coñecer as previsións que manexa o Goberno galego en relación coa posta en funcionamento, de xeito experimental, do proxecto Videoguard, isto é dun sistema de videovixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e do marisqueo furtivos.
Neste obxectivo veñen colaborando tanto a Consellería do Medio Rural e do Mar, a Consellería de Economía e Industria, como tamén a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Segundo parece o sistema permitirá detectar embarcacións en zonas de porto e rías, así como persoas en zonas de praia, rochas e bateas en horario diurno e nocturno. En ambos casos procederá a gravación das imaxes, análise da información e ante a detección dunha posible infracción, traslada a alarma ao centro de control en tempo real.
Sen lugar a dúbidas estamos ante un sistema que, unha vez avaliado, contribúe a reforzar o operativo de resposta ante a problemática do furtivismo, neste caso, da man de solucións tecnolóxicas impulsadas pola Xunta de Galicia.