Partido Popular de Lugo

Balseiro: “Besteiro queda desautorizado para pedir diálogo co sector cando nin tan sequera é capaz de defender aos mariñeiros lucenses”

Lugo, 14 de marzo de 2014.-O secretario xeral do PP de Lugo, Jose Manuel Balseiro, acusou hoxe ao presidente da Deputación, Jose Ramón Gómez Besteiro, de ser a persoa menos indicada para dar leccións a alguén sobre diálogo co sector do cerco, cando nin tan sequera el mesmo foi quen de preguntarlle aos profesionais do mar e de coñecer a postura defendida polos barcos da súa provincia que, cómpre lembrar, propoñen un modelo de xestión diferente do que defende a asemblea que agrupa os barcos da protesta.

“Besteiro queda desautorizado para pedir diálogo co sector cando nin tan sequera é capaz de defender aos mariñeiros lucenses e iso a pesar de que cobra o seu soldo institucional coa obriga de defender esta provincia”-expresou Balseiro- “A mesma receita que predica Besteiro debería aplicala cos seus propios mariñeiros, aos que nin escoita, nin ten intención de escoitar, nin se informa do que están a pedir neste momento”.

Balseiro defendeu que a mellor maneira de traballar pola defensa dos intereses do sector do cerco é a que se materializou co incremento de cota aprobado tralo recente acordo con Noruega, algo que –quixo lembrar- non se lograba desde o ano 2009 e que só foi posible froito da negociación impulsada polo Goberno do Partido Popular.

O dirixente popular amosouse sorprendido tamén pola falta de rigor e interese coa que Besteiro fala e dixo que, ao igual que lle aconsellaron coa nova PAC “antes de formarse unha opinión, debería falar co sector e facer números”.

RESPONSABILIDADE DO PSOE NA SANCIÓN POR SOBREPESCA

Balseiro dixo que Besteiro tería que aproveitar a súa visita en Madrid para pedirlles contas aos seus compañeiros socialistas pola mala xestión pesqueira desenvolvida durante os anos 2009 e 2010 e que levou a que hoxe o sector teña que pagar unha sanción pola sobrepesca acontecida nese período e que detrae moitísimas toneladas do total de cota.

O dirixente popular lamentou tamén que Besteiro faga estas declaracións acompañado do actual portavoz socialista de Pesca, Jose Ramón Val Alonso, quen –lembran- foi delegado territorial de asuntos marítimos en Lugo e un dos colaboradores necesarios nas malas políticas de control que levaron as sancións por sobrepesca.

“Con amigos así para que querer inimigos”-dixo Balseiro- quen lembrou que Val Alonso caracterizou o seu mandato como responsable da Xunta en Lugo por “non falar co sector pesqueiro lucense algo que, a xuízo da posición estratéxica do PSOE, tampouco está a facer agora”.

DESCOÑECEN A LEXISLACIÓN QUE ELES MESMOS NEGOCIARON

Balseiro tamén considerou gravísimo que o PSOE “nun claro intento de ofrecer falsas esperanzas” propoña compensar a sanción por sobrepesca a través dunha contraprestación económica. Lembra que a normativa comunitaria prohibe esta proceder e, moi en concreto, o Regulamento Comunitario 1224 de Control, que precisamente foi negociado polo PSOE no ano 2009.

“Non só son os socialistas os causantes da sobrepresca, senón ademais son os que fixeron inviable e non conforme coa normativa comunitaria a solución que eles mesmos propoñen. Queda ben as claras que os socialistas foron nefastos para o sector do cerco”-indicou Balseiro.