Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DEFENDE QUE O GOBERNO GALEGO SOLICITE ÁS ENTIDADES FINANCEIRAS INFORMACIÓN SOBRE A APLICACIÓN DAS CLÁUSULAS SOLO E O CUMPRIMENTO DAS SENTENZAS XUDICIAIS

Santiago, 12 de marzo de 2014.- O Grupo Popular defendeu hoxe no Parlamento galego a necesidade de que o Goberno galego se poña en contacto coas entidades bancarias que operan en Galicia para coñecer con exactitude cales estaban aplicando cláusulas solo, que medidas adoptaron para acatar as sentenzas xudiciais e se persisten na aplicación destas cláusulas. O portavoz de Vivenda, Jaime Castiñeira, rexeitou demandar a través do Instituto Galego de Consumo a devolución con carácter retroactivo das cantidades cobradas polas entidades financeiras a través das cláusulas solo “porque sería demandar a este organismo que actuara en contra do establecido na sentenza do Tribunal Supremo”.

Jaime Castiñeira recordou que o Parlamento de Galicia xa aprobou en Comisión o pasado 13 de febreiro unha proposición non de lei a través da que se demandaba do Goberno galego que recabara das entidades financeiras información sobre a aplicación das cláusulas solo, as medidas que adoptaron para acatar a sentenza xudicial do Tribunal Supremo e se persisten na aplicación destas cláusulas. En cumprimento deste acordo, a Xunta de Galicia xa ten remitido cartas ás distintas entidades financeiras que operan en territorio galego solicitando esta información.

A SENTENZA NON FALA DE RETROACTIVIDADE

Por este motivo, Castiñeira considerou “incomprensible” que na sesión plenaria de hoxe o Grupo Socialista rexeitara a proposta do Grupo Popular para volver a aprobar esta iniciativa, non aceptando a votación por puntos da iniciativa socialista.

“A todos nos gustaría que a devolución dos cartos cobrados polas cláusulas solo se fixera con retroactividade, pero a sentenza do Tribunal Supremo fala especificamente da non retroactividade”, manifestou o portavoz popular. Ademais, recordou que a sentenza afecta unicamente a tres entidades financeiras (dúas operan en Galicia e a outra non), ao tempo que existen entidades que nunca aplicaron cláusulas solo.

“O Instituto Galego de Consumo non pode esixir ás entidades bancarias algo en contra dunha sentencia do Supremo, porque sería votar a favor a iniciativa socialista conlevaría que este organismo consumara unha ilegalidade”, sinalou Jaime Castiñeira.