Lugo 12 de marzo de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular agarda que as actuacións que vén de anunciar esta mañá o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, para o arranxo das estradas provinciais respondan ás verdadeiras necesidades dos concellos.
Os populares explican que Besteiro estaba obrigado a cesar na súa xordeira e facerse eco das insistentes reivindicacións dos alcaldes da provincia, trasladadas en múltiples ocacións ante a administración provincial polos populares.
Dende o GPP consideran que este plan chega tarde; pero aínda así recíbeno con agrado e esixirán que se rexa polos principios de transparencia e non discriminación. Os populares trasladan esta afirmación ao dispoñer de datos que evidencian actuacións sobre estradas en base á cor política do concello, no lugar de guiarse por verdadeiros criterios de necesidade.
Numerosas peticións dos populares
Os populares dispoñen de datos que permiten asegurar que o actual goberno provincial é o que conserva en peor estado as redes viarias da historia da institución.
No último pleno celebrado o pasado mes de febreiro na Deputación de Lugo, os populares presentaron ata seis iniciativas nas que reivindicaron a adecuación de diferentes vias ao longo da provincia.
A maiores, os populares reivindicaron mediante unha moción a adecuación das estradas de titularidade provincial, co voto en contra do PSOE e do BNG, ás que se lle poden sumar outras diferentes iniciativas presentadas ao longo desta lexislatura para arranxar estradas en concellos como Ourol, Paradela, Palas de Rei, Foz, Alfoz ou mesmo Lourenzá, entre outros.
Dispoñibilidade orzamentaria
Aos populares sorpréndelles o mal estado que presenta a rede viaria provincial con baches, falta de tarefas de conservación e derrubes que incrementan a inseguridade dos automobilistas a través da rede viaria; cando o presidente da institución lucense manexou dende o ano 2007 máis de 122 millóns de euros tanto para novas infraestruturas, como para reparacións.
Esta circunstancia, polo tanto, non se debe á falta de orzamento; senón a mala xestión que do diñeiro público se está a levar a cabo dende a Deputación Provincial de Lugo.