Partido Popular de Lugo

O PP de Alfoz reclama a Besteiro acondicionar toda a estrada que transcorre entre Carrocide e Arnela para restablecer a seguridade en toda a vía

Alfoz, 11 de marzo de 2014.- A meirande parte dos viais provinciais de Alfoz atópanse nun estado lamentable. Tanto é así que supoñen unha gran perigosidade para os conductores e viandantes e poñen en risco a súa vida. Un exemplo destas lamentables estradas provinciais é a C.P 0204,  que transcorre entre Carrocide e Arnela.

Porén e antes de que aconteza algunha desgracia, os populares reclaman ao Señor Gómez Besteiro, o acondicionamento de todo este vial, xa que por él circulan, día a día, e nun curto espacio de tempo, camións de madeira e moitos outros vehículos que se expoñen a un grave perigo debido as condicións do vial.

Lembran os populares que esta calzada é a única vía de comunicación dos veciños da parroquia de Pereiro e parte da Lagoa e denuncian que presenta un pavimento en moi mal estado, estreito e sinuoso, o que ocasiona un grave prexuízo para estas aldeas.

Os populares mostran a súa satisfacción e agradécenlle á Deputación que cumprise co seu traballo e comezase a arranxar unha fochanca, de grandes dimensións, que se atopa en dita calzada pero manifesta que a seguridade de toda a vía non se basea soamente nese reparo polo que urxen ao Organismo Provincial a reparar toda a vía.

O GPP tamén presentou un rogo na Deputación de Lugo

O Grupo Provincial do Partido Popular presentará un rogo na Deputación lucense para reivindicar a Gómez Besteiro, ao acondicionamento de toda a estrada C.P. 0204, que transcorre entre Carrocide e Arnela para restablecer a seguridade en toda a vía.

Os populares afirman que Besteiro é o responsable desta estrada polo que ten que desenvolver as labores de conservación e mantemento para garantir o bo estado da vía e a seguridade dos cidadáns.