Santiago, 11 de marzo de 2014.- A portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Isabel García Pacín, acusou hoxe á oposición de manter “unha cruzada política” co problema da empresa Alimentos Lácteos, S.A. “co único fin de atacar ao actual Goberno galego, non buscando solucións para os afectados senón esperando sacar beneficios políticos para os seus partidos”. “O resultado deste proxecto é patente e temos que sacar conclusións, pero non se pode acusar á Administración de decisións de empresas privadas”, apuntou.
García Pacín sinalou que a oposición, coa solicitude da creación dunha Comisión de Investigación sobre Alimentos Lácteos, S.A., “inciden na liña política que utilizaron desde o inicio deste proxecto para o que todos intentamos buscar a mellor solución” “O que realmente a xente e os afectados coñecen non é a súa verdade e a súa interpretación, senón o traballo desenvolvido pola Administración para conseguir que una actividade dun sector estratéxico para Galicia tire para adiante”.
Neste sentido, a portavoz popular lamentou que coa súa postura os grupos da oposición “intenten incluso denigrar ao cooperativismo, unha cuestión que non podemos asumir”.
CUMPRIDAS EXPLICACIÓNS
“A Xunta de Galicia e a Consellería de Industria están a carón de toda esta xente que está loitando por sacar adiante o sector lácteo galego”, salientou García Pacín, quen recordou que desde os grupos da oposición “intentaron desde o inicio atacar ao Goberno”. Así mesmo, lembrou que a Administración deu cumpridas explicacións tanto en Comisión como no Pleno do Parlamento, polo que demandou á oposición que “sexan rigorosos e responsables fronte a unha administración que loita polo sector lácteo”.
A portavoz popular subliñou que a administración “é a máxima responsable en clarexar o que aconteceu e temos un proceso xudicial aberto ao que temos que aternos”. En concreto, afirmou que no proceso xudicial “non se atoparon responsabilidade na administración, pero vostedes teiman e teiman coas responsabilidades políticas”.