Partido Popular de Lugo

Barreiro:“a muller no rural, piar fundamental no sector económico da nosa provincia”

Lugo, 7 de marzo de 2014.- O  voceiro do PP no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, cualificou de “crucial” o papel da muller no medio rural e afirmou que constitúe un piar básico no sector económico da provincia de Lugo.

Nunha visita a unha explotación agraria lucense, rexentada por unha muller e o seu fillo, José Manuel Barreiro afirmou que gran parte da producción do noso campo obtense gracias ao seu traballo e esforzo, sempre compatibilizado coas responsabilidades familiares, “aínda que ata fai pouco tempo, cunha escasa valoración por parte da sociedade”.

Con motivo do Día Internacional da Muller, Barreiro puxo en valor o papel que desempeñan as mulleres no rural e no sector económico, que coa posta en marcha de proxectos innovadores serven de motor imprescindible na consolidación do benestar, así como a fixación de poboación.

“A muller asume un papel activo que se visibiliza a través dos movementos asociativos”- manifestou Barreiro, quen salientou o traballo das Asociacións pola súa loita a prol da promoción da igualdade entre mulleres e homes do rural.

Por último, o voceiro dos populares no Senado e presidente do PP de Lugo, resaltou as políticas que se están a desenvolver dende os gobernos populares e resaltou o compromiso da Xunta de Galicia, na súa liña de apoio ás asociacións de mulleres, e á promoción da muller no rural.

O MEDIO RURAL EN LUGO, SECTOR CLAVE EN LUGO

O voceiro do PP no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, destacou o potencial do medio rural na provincia, que no referente ao vacún de leite dispón do 43% do total galego de explotacións, e que posúe 41% do censo de vacas reproductoras de Galicia.

Citou o popular un exemplo ilustrativo da presencia e protagonismo da muller no rural, poñendo de manifesto que das 55 explotacións agrarias, non gandeiras da provincia, 26 están en mans de mulleres e 3 son sociedades.

MARI TEIJEIRO: “A MULLER, DE COLABORADORA NAS EXPLOTACIÓNS FAMILIARES E AGRARIAS, A XERENTE”

As portas do Día Internacional da Muller, a coordinadora da Comisión da Muller, Mari Teijeiro, puxo en valor o papel que ten xogado a muller na historia de Galicia nas explotacións familiares agrarias, pola súa continua aportación da súa forza de traballo na agricultura e na gandería que se converte, sen dubida, nunha peza indispensable para o mantemento e producción das explotacións agrarias e que aínda, a día de hoxe, non ten o recoñecemento que lle corresponde por dereito.

“No medio rural as mulleres foron as grandes esquecidas, non existía un ingreso directo para o seu traballo deixando o seu papel nun lugar secundario en canto a toma de decisións sobre o seu propio traballo e patrimonio”- lembrou a popular, quen lamentou, a ata fai pouco, a escasa participación da muller nos ámbitos de relación da explotación co medio, como son as cooperativas e as sociedades agrarias.

Porén, afirmou Mari Teijeiro, que resulta necesario, un recoñecemento e unha posta en valor dende os poderes públicos e tamén dende a realidade do rural, do papel das mulleres como xeradoras de riqueza e do desempeño dun traballo do cal non podemos esquecernos.

Concluíu a popular insistindo na necesidade de continuar na liña emprendida de creación de mecanismos para o impulso da cotitularidade e a constitución de sociedades que aseguren a participación e os dereitos sociais da muller.